Ir o contido principal

Lugo Cultural comeza a programación deste ano cun concerto do Trío Aborada na Casa do Saber

O Trío Aborada –clarinete, violonchelo e piano- comeza este martes 17 a programación de Lugo Cultural para 2012 cun concerto ás 20:00 horas na Casa do Saber. Enmarcado no ciclo Músicas a carón da mosqueira, este trío clásico interpretará obras de Beethoven, Schumann, Mozart e Brahms nun concerto organizado en colaboración coa Asociación de Intérpretes e Executantes(AIE) no seu apartado de Clásicos en Ruta, que en convocatorias anuais selecciona novos intérpretes (solistas e grupos) de distintos instrumentos e procedencias para que realicen actuacións en distintas cidades. O Trío Aborada O Trío Aborada nace no seo do Instituto Internacional de Música de Cámara de Madrid (Escola Superior Reina Sofia), baixo a dirección do profesor Ralf Gothoni, xefe do departamento de Grupos con Piano. O trío actuou no Auditorio Sony dentro do Ciclo Da Camera e Ciclo Preludio, no Palacio Marqués de Salamanca de Madrid e no Conservatorio Halffter de Móstoles e foi convidado ao Encontro de Música e Academia de Santander ofrecendo xiras de concertos en Cantabria no Pazo de Festivais, Auditorio Caixa Cantabria e Colexiata de Santillana del Mar. Dende 2011 tocan co chelista Aldo Mata e participan recentemente nos Festivais de Alacante, Salamanca, Cuenca, León, Soria, Málaga e Almagro. Compoñen Aborada Miguel Expósito Cárceles ao clarinete, Aldo Mata Payero no violonchelo e Patricia Arauzo Rodríguez ao piano. Músicas a carón da mosqueira Logo do concerto deste martes o ciclo continuará o 14 de febreiro coa actuación do pianista clásico Juan Andrés Barahona. En marzo será a quenda do Cuarteto Gerhard e en abril actuarán a viola Inés Picado e a pianista María Zisi. O último concerto terá lugar en maio da man da violonchelista Cristina Nogueira Pérez.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 16.01.2012.