Ir o contido principal

Lugo Cultural inaugura este martes na Biblioteca Provincial a exposición sobre os dereitos humanos das mulleres

Dentro da programación do mes de marzo do Convenio Lugo Cultural, este martes día 4, ás 20:15 horas, inaugurarase na Biblioteca Provincial a exposición ‘Retrato dun escándalo universal de dereitos humanos. A discriminación e a violencia contra as mulleres’, organizada por Amnistía Internacional.
Esta exposición consta de 22 paneis, nos que se ofrece un amplo abano de temas relacionados coa discriminación e violación dos dereitos humanos que sofren as mulleres en todo o mundo. Neles pode verse unha mostra da violencia contra as mulleres por parte das súas parellas ou ex parellas, os problemas que teñen as mulleres refuxiadas, a violencia por parte dos axentes do Estado ou o abuso dos seus corpos durante as guerras. Ademais, haberá un espazo destinado ás activistas, mulleres da política, do mundo sindical ou do mundo social e cultural, que destacaron e destacan polo seu labor en defensa dos dereitos humanos.
Con esta mostra Amnistía Internacional pretende resaltar a universalidade dos abusos dos dereitos humanos das mulleres, que coinciden na discriminación, á vez que se destaca o seu papel activo como axentes de cambio e defensoras dos dereitos. Na programación complementaria á exposición figuran encontros con defensoras de mulleres de Brasil e Colombia e a proxección de documentais relacionados co tema.
Na inauguración estarán presentes o vicerreitor de Cultura, Elías Torre; a concelleira de Cultura do Concello de Lugo, Concepción Burgo; o delegado provincial da Consellaría de Cultura, Xoán Xosé Molina; o xerente da Fundación Caixa Galicia, Sinesio Pérez, e o voceiro de Amnistía Internacional, Carlos Fernández.
Durante a presentación proxectarase o documental ‘Defendendo mulleres, defendendo dereitos’, de 30 minutos, que recolle a situación das mulleres activistas de dereitos humanos en países como a República Democrática do Congo, Guatemala ou España, neste caso sobre a Asociación Miriades de Huelva.
A mostra estará durante todo o mes de marzo na Biblioteca Provincial de Lugo e poderá visitarse entre as 9:00 e as 21:00 horas. Posteriormente, a exposición estará en abril na Facultade de Administración e Dirección de Empresas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 03.03.2008.