Lugocultural organiza a Semana de Benvida que pretende achegar cidade e campus universitario
O colectivo Lugocultural presentou este martes 9 en rolda de prensa a programación da Semana de Benvida, que inclúe actividades de teatro, danza, concertos ou exposicións, entre os días 15 e 19 de outubro coa intención de achegar os espazos do Campus universitario e a cidade de Lugo.
Ao acto de presentación asistiron o vicerreitor de Cultura da USC, Elías J. Torres Feijó; a concelleira de Economía e Emprego do Concello de Lugo, Sonia Méndez; o xerente da Fundación Caixa Galicia en Lugo, Sinesio Pérez; o delegado provincial da Consellaría de Cultura e Deporte, Xoán Xosé Molina; e o delegado de Cultura e Deporte da Deputación Provincial de Lugo, Antonio Veiga.
Tal e como explicou a encargada da oficina de Cultura do Campus de Lugo, Paloma Lugilde, esta é a primeira vez que se pon en marcha este proxecto que inclúe producións propias de grupos universitarios como a Compañía de Teatro da USC-Lugo, que porá en escena a súa última montaxe ‘O Público’ de Federico García Lorca, o Espazo de Danza Universitario que levará as súas coreografías a lugares non habituais dos centros universitarios co ‘Xa que pasas’, a presentación dun DVD recompilatorio dos traballos do Grupo de Creación Musical (GCMUS), ou as creacións fotográficas dos universitarios na exposición do XIII Maratón Fotográfico do Campus.
Ademais destas actividades, tamén se desenvolverán outras como un novo ciclo musical denominado Lubicán, a exposición de carteis e as exhibicións das curtametraxes da sección oficial da XXIX Semana de Cine de Autor, para o que Lugocultural contou coa colaboración do grupo fotocinematográfico Fonmiñá.
Deste xeito, o programa comeza o vindeiro luns, día 15, ás 12:30 horas coa inauguración de ‘Trala pantalla Asturias e o cine’ na Facultade de Administración e Dirección de Empresas, exposición que permanecerá neste centro ata o 19 de outubro e que se poderá ver na Escola Politécnica Superior do 22 de outubro ao 23 de novembro. Xa pola tarde, ás 20:00 horas a Escola Universitaria de Formación do Profesorado acollerá a presentación do DVD ’10 anos do Grupo de Creación Musical da USC’ e posteriormente o primeiro dos concertos Lubicán, onde Germán Díaz empregará instrumentos como unha zanfona, unha caixa de música ou un órgano de barbaria.
O martes 16 de outubro será a quenda do Espazo de Danza Universitario (EDU) coa peza ‘Xa que pasas’ nun acto ás 10:00 horas na Escola Universitaria de Formación do Profesorado, ás 12:00 horas na EPS, ás 14:00 horas en Veterinaria e ás 16:30 en Enfermaría. Este mesmo día ás 19:00 horas na Facultade de Humanidades’ terá lugar a inauguración da exposición ‘Teatro baixo a area’ sobre as últimas montaxes do Taller de Arte Dramática da USC e a Compañía de Teatro da USC-Lugo. Completando esta xornada, ás 20:00 horas, na Facultade de Ciencias, comezará o espectáculo de danza ‘Danz@rt no Palco’ e ás 21:00 horas terá lugar outro concerto Lubicán coa actuación de Marcos Teira Cuarteto.
Continúan as actividades o mércores, día 17, con novas actuación do ‘Xa que pasas’, neste caso na Facultade de Humanidades ás 14:00 horas, na Escola Universitaria de Formación do Profesorado ás 17:00, en Relación Laborais ás 18:00, e na EPS ás 19:00 horas. Como remate do día, a Compañía de Teatro da USC-Lugo representará a obra de Federico García Lorca ‘O público’ ás 23:00 horas na cristaleira da Facultade de Veterinaria.
Para o xoves 18, está prevista a realización dunha visita guiada ao Museo Provincial e outro dos concertos Lubicán na EPS, no que o grupo BellónMaceiras interpretará os temas do seu primeiro disco Unión das Terras, no que mesturan composicións de diversas culturas adaptadas á gaita e ao acordeón.
Como remate á Semana de Benvida o venres 19 celebrarase na Facultade de Humanidades un maratón de cine, ás 20:00 horas, que inclúe as curtametraxes da Sección Oficial e a película gañadora da XXIX Semana Internacional de Cine de Autor.