Luis Otero ingresou na Real Academia de Ciencias Económicas e Financeiras como académico de número
O catedrático da USC e delegado do reitor para a Transferencia do Coñecemento, Luis Otero, acaba de ser nomeado académico de número da Real Academia de Ciencias Económicas e Financeiras, nun acto que se desenvolveu este xoves 30 na sede da Corporación. O discurso de ingreso do profesor Otero titulouse ‘Inversión sostible e cambio climático’, ao que lle deu resposta, en nome da Academia, José Antonio Redondo.
Tal e como se desprende das verbas do profesor Otero, o investimento sostible e climático non só debe ser unha resposta necesaria ao cambio climático e á degradación ambiental, senón que debe converterse nunha oportunidade significativa para os investidores e a sociedade en xeral. "A medida que o mundo se enfronta aos desafíos dun clima en transformación, o investimento sostible sitúase como motor clave na transición cara a unha economía máis verde e resiliente, capaz de enfrontar os desafíos do futuro con responsabilidade e visión a longo prazo”, destacou.
Luis Otero puxo o foco nos factores que, a día de hoxe, marcan o éxito deste modelo de investimento, tanto para os propios investidores como para que resulte efectivo como elemento de cambio. "Resulta fundamental a fiabilidade e consistencia dos ratings de sustentabilidade, xa que constitúen a base sobre a cal os investidores toman as súas decisións. Ademais, o comportamento e a conciencia dos investidores desempeñan un papel clave. Se os investidores non están comprometidos coa sustentabilidade ou non consideran os criterios ESG ('environmental, social and governance') como parte integral da súa estratexia de investimento, a demanda de activos financeiros sostibles podería verse reducida, o que á súa vez limitaría a súa efectividade", dixo.
Currículo
Luis Otero González é catedrático da USC e pertence ao departamento de Finanzas e Contabilidade. A súa investigación nos últimos dez anos centrouse principalmente na análise de risco e rendibilidade no ámbito financeiro (banca, seguros e fondos de inversión) e hoteleiro. Dende 2014, lidera o grupo de investigación en Valoración Financeira Aplicada (VFA), recoñecido como grupo de referencia competitiva pola Xunta de Galicia. Ademais, dirixiu numerosas teses de doutoramento e formou parte de varios comités científicos (European Financial Management Association, IFBBE, Global Finance Conference, SIGEF, Portuguese Finance Network, Hipanolusas de Gestión Científica, Forum of Finance e Spanish Finance and Accounting Journal).
Así mesmo, dirixiu o mestrado en Banca, Finanzas e Seguros durante máis de 20 anos e actualmente é director da Cátedra de Empresa Familiar da USC e do Tech-Forum de Galicia. A súa investigación abrangue máis dun cento de artigos. Ademais, moitos dos seus resultados foron presentados en congresos estatais e internacionais, e en varios libros. Tamén foi membro ou líder en proxectos de licitación pública europea e estatal que recadaron arredor de dous millóns de euros nos últimos dez anos. Tamén estivo involucrado nunha intensa actividade de transferencia, destacada con más de 50 contratos con empresas ou institucións. O recoñecemento a este traballo tense traducido en máis dunha decena de premios de investigación.