Ir o contido principal

Luis Rodríguez Camarero achégalle a súa pintura emocional e reflexiva á comunidade universitaria

Luis Rodríguez Camarero e Pilar Murias na inauguración da mostra. FOTO: Santi Alvite
Luis Rodríguez Camarero e Pilar Murias na inauguración da mostra. FOTO: Santi Alvite
O filósofo e artista exhibe na mostra ‘O reino das árbores’ no Claustro Alto de Fonseca unha selección de cadros nos que amosa paisaxes galegas coma as da Ribeira Sacra ou as das rías

Os cadros, segundo Luis Rodríguez Camarero, son “imaxes que causan en nós sensacións e sentimentos”, explicou o artista na inauguración da mostra que exhibe ata o 15 de marzo unha selección das súas obras no Claustro Alto de Fonseca. Unha idea na que incidiu a vicerreitora de Estudantes e Cultura, Pilar Murias, quen salientou que o filósofo e pintor a través das súas obras “compartiu con nosoutros moitas emocións” e traslada cos seus cadros “serenidade”, así como “moita reflexión, moita filosofía”. A mostra pretende ser “un recoñecemento da Universidade de Santiago a este traballo”.

Rodríguez Camarero, quen foi profesor da Facultade de Filosofía compostelá, explicou que nas súas obras pretende transmitir “beleza, alegría, paz e tranquilidade”. En canto á beleza, sinalou que “pinto o que amo, Galicia fundamentalmente” e lembrou que “a imaxinación prefire a orde á desorde”, polo que os elementos dos seus cadros “están harmonizados”. A alegría transmítea “con cores alegres e cálidas, e vai unida á beleza”, de xeito que cando visitamos paisaxes coma as da Ribeira Sacra ou as das illas Cíes “sentímonos ben, máis animados que antes, pois a alegría é o renacer da vida en todos nós”.

A paz e a tranquilidade chegan a nós por medio de elementos que observamos nas pinturas coma “as augas tranquilas coma as das rías” e na opinión do artista “a paz amplía o sentimento de beleza”. En canto ao silencio, afirma, pode “pintarse de modo indirecto, amosando paisaxes naturais con augas tranquilas”. As súas obras caracterízanse polo uso singular que fai das texturas en elementos coma as árbores, o que fai que o proceso de produción sexa moi longo, e serve para “unir dalgún modo o sentido da vista co sentido do tacto”.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 01.02.2024.