O luns ábrese a matrícula nos cursos de idiomas do Centro de Linguas Modernas da USC
O Centro de Linguas Modernas da USC (CLM) oferta este curso diversas propostas para o estudo de idiomas. No Campus de Santiago están previstos cursos cuadrimestrais de 40 horas de catalán, checo, chinés, danés, portugués, ruso e xaponés, e en Lugo de francés e inglés. Os cursos anuais de 80 horas de alemán, francés e inglés serán impartidos en ambos os dous campus, ofertándose tamén italiano en Compostela. Ademais, o alumnado terá á súa disposición unha nova edición dos cursos de galego para non galegofalantes, tanto en Santiago como en Lugo, así como intensivos e cuadrimestrais de español para estranxeiros. A oferta do CLM complétase cun Curso de Literatura e Cultura Española a través do Cine para alumnos estranxeiros dos programas de intercambio no segundo cuadrimestre cun e outro de preparación para os exames de catalán do Instituto Ramón Llull. Matrícula e requisitos O único requisito para tomar parte nestes programas é ter 16 anos de idade.. A matrícula ábrese este luns 5 e pecharase o 30 de setembro. Todas as persoas interesadas en estudar unha lingua da que xa posúan coñecementos previos mais non teñan o nivel asignado polo CLM terán que facer unha proba de nivelación o día 20 ou o 28 de setembro. Ata o día 27 poden inscribirse nela a través da páxina web do CLM. Créditos e acreditacións Os alumnos que aproben un curso de nivel B1 segundo o Marco de Referencia Común para as Linguas (MCER) terán acreditado o coñecemento dunha lingua estranxeira, requisito imprescindible para rematar os estudos de grao ou realizar a matrícula no master. Os que aproben un curso de nivel B2 do MCER terán acreditado ese nivel e poderán recibir 3 créditos transversais para os seus estudos de Grao.