Ir o contido principal

Este luns inaugúranse na USC catro cursos de verán sobre saúde, protección xurídica, software libre e biocombustibles

A Universidade de Santiago de Compostela inaugura na mañá deste luns, 21 de setembro, tres cursos de verán no Campus de Santiago e un no de Lugo.
Software libre e LingüísticaPresentar algúns aspectos salientables da informática aplicada á lingüística e a tradución, e en concreto das ferramentas e proxectos de Software Libre que existen, é o obxecyivo do curso de verán ‘Software Libre e a Lingüística (LINGUA 09)’ que se inaugurará ás 9:00 horas naAula 7 da Facultade de Filoloxía.
Dirixido por Enrique Estévez Fernández, ao longo das catro sesións do curso analizarase a informática como unha ferramenta cada vez mais poderosa na investigación filolóxica e lingüística. Non xa só pola súa capacidade de análise de datos, senón polas canles de comunicación que crea e os mecanismos de traballo que leva asociados.
BiocombustiblesTamén ás 9:00 horas, mais no Salón de actos da Escola Técnica Superior de Enxeñaría, terá lugar a apertura do curso ‘Biocombustibles: retos e oportunidades’, co que se pretende presentar unha visión ampla sobre a súa produción e uso como produtos enerxéticos alternativos, no marco dunha produción sostible.
A orientación do curso, dirixido por Juan Lema Rodicio e Pastora Bello Bugallo, é tecnolóxica, pero considerando aspectos económicos, sociais e ambientais que poden condicionar a viabilidade das alternativas. O programa ofrece unha acción complementaria á formación académica dos estudantes, especialmente dos alumnos e alumnas das titulacións en Enxeñaría Química, Enxeñarías Técnicas e dos Máster en Enxeñaría Ambiental e Enerxías Renovables, permitíndolles a exploración dunha área de actividade moi dinámica e que nos próximos anos pode ter un desenvolvemento notable.
Servizos sanitariosDo 21 ao 24 de setembro terá lugar na Facultade de Dereito o curso de verán ‘A prestación de servizos sanitarios ante os retos do século XXI’ no que, co apoio e patrocinio do Consello Consultivo de Galicia, se dará a coñecer a doutrina emitida polo Consello sobre esta materia, obxecto de análise en numerosos expedientes de responsabilidade patrimonial da Administración sanitaria sometidos a ditame. A inauguración será este luns ás 10:00 horas no Salón de Graos da Facultade de Dereito coa presenza do vicerreitor de Comunidade Universitaria e Compromiso Social, José M. Mayán Santos, e da presidenta do Consello Consultivo de Galicia, Mª Teresa Conde-Pumpido.
As catro sesións do encontro pretenden abordar os principais problemas que suscita a práctica médica na actualidade, así como identificar cales son as tendencias de futuro, desde unha perspectiva multidisciplinar e de dereito comparado. Para iso cóntase coa participación de destacados especialistas do ámbito da medicina e do dereito, tanto do mundo profesional como do académico.
A primeira xornada centrarase na análise da prestación de servizos sanitarios nun entorno dinámico para, xa o martes 22, examinar o panorama actual da responsabilidade dos profesionais. O mércores porase o acento na relación persoal sanitario-paciente e o respecto da autonomía da vontade. Finalmente, o día 24 tratarase especificamente o consentimento informado nas chamadas intervencións altruístas.
Dereito e saúdeNo Colexio de Avogados de Lugo desenvolverase o curso ‘Dereito e saúde: solucións xurídicas ante situacións conflitivas relacionadas coa saúde das persoas’. O acto de apertura está previsto para as 10:15 horas. Ao longo de 32 horas lectivas, o obxectivo será constituír un foro de análise e de debate sobre algunhas das cuestións xurídicas máis polémicas e actuais.
Trataranse temas relacionados co exercicio dos dereitos á vida, a intimidade ou a saúde nos ámbitos sanitario, alimentario, medioambiental, laboral e familiar, como os dereitos e deberes do persoal sanitario e dos usuarios do sistema da saúde, xenética e dereito, seguridade alimentaria, laboral e medioambiental.
Os debates efectuaranse desde unha perspectiva plural e multidisciplinar, alternándose as exposicións teórico-prácticas co comentario de casos reais e das solucións legais e xurisprudenciais dadas aos mesmos.
Complementariamente, neste curso dirixido por Lotario Vilaboy Lois, desenvolveranse diversas actividades de carácter práctico como a simulación da práctica de probas periciais en materia de fraudes alimentarias e de investigación da paternidade, ou a exposición das técnicas de traballo de determinados laboratorios especializados en Xenética e ADN, e en Hixiene, Inspección e Control de Alimentos.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 18.09.2009.