Ir o contido principal

A maior cita científica sobre tecnoloxías de extracción desenvólvese esta semana en Santiago

O salón de actos da Facultade de Medicina acolle dende este mércores 28 ata o venres o 19 Simposio Internacional sobre Avances en Tecnoloxías de Extracción, que reúne os especialistas de maior renome da área do ámbito mundial.

O encontro inaugurarase á 9.00 horas nun acto no que participa a vicerreitora de Internacionalización da USC, Almudena Hospido; a conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez, e os presidentes da conferencia, os profesores Janusz Pawliszyn, Thierry Dagnac e María Llompart chair.

O congreso organízano o Departamento de Química Analítica, Nutrición e Bromatoloxía da Facultade de Química da USC, cuxo grupo promotor LIDSA (Laboratorio de Investigación e Desenvolvemento de Solucións Analíticas) pertence á agrupación estratéxica CRETUS (Centre for Research in Environmental Technologies), e o Instituto Galego de Calidade Alimentaria-Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo.

Esta conferencia fai fincapé nas novas tecnoloxías de preparación de mostras que conducen á integración e a miniaturización de todo o proceso, facilitando o alto rendemento do laboratorio e as determinacións in situ, así como a automatización dos procesos, en consonancia cos Principios da Química Verde.

Máis de 300 persoas de máis de 35 países asistirán, na edición máis exitosa en canto a asistencia e traballos científicos presentados, a un programa científico que inclúe 20 conferencias invitadas impartidas por científicos de recoñecido prestixio internacional así como outras 322 achegas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 27.06.2017.