Ir o contido principal

O maior experto no estudo da psicoloxía dos psicópatas criminais visita a USC

O profesor Robert Hare, da Universidade de British Columbia (Vancouver, Canadá), visita esta semana a USC convidado pola Unidade de Investigación en Prevención e Tratamento de Problemas de Conduta (Udipre) do Departamento de Psicoloxía Clínica e Psicobioloxía. O profesor Hare é o máximo experto mundial no estudo da psicoloxía dos psicópatas criminais, responsable dun método para o seu diagnóstico que alcanzou o máximo nivel de recoñecemento da comunidade científica.
Hare dedicou gran parte da súa vida ao estudo da psicopatía e neste momento a súa obra é referencia ineludible na investigación sobre detección e predición da violencia criminal no eido mundial.
Aproveitando a súa visita, e coa colaboración da Asociación Camiña Social, está prevista a celebración, este xoves 20, dunha xornada sobre ‘Prevención do delito a partir da detección do risco’ que se desenvolverá na Facultade de Psicoloxía.
No encontro, no que o profesor Hare impartirá a conferencia ‘Psicopatía e predición do risco’, trátase de dar a coñecer o traballo de investigación que se está levando a cabo sobre a avaliación do risco en menores infractores internados nos centros xestionados pola Asociación Camiña Social.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 17.11.2008.