O manifesto RUIGEU reclama a visibilidade das violencias machistas que se exercen nas universidades

“É importante non normalizar nin naturalizar as violencias sufridas, é importante que tamén nas universidades avancemos cara á visibilización de todas e cada unha das violencias machistas que se exercen no seu seo”. Esta é unha das principais reivindicacións do Manifesto con motivo do día internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres da Rede de Unidades de Igualdade de Xénero para a Excelencia Universitaria (RUIGEU) á que pertence a USC. A secretaria xeral da Universidade, Dulce María García Mella, foi a encargada de dar lectura ao manifesto no transcurso do acto institucional co que a institución académica conmemora o 25N. A sesión que se desenvolveu no Salón Nobre do Colexio de Fonseca estivo presidida polo reitor Antonio López e contou coa participación da delegada do reitor para a Igualdade, Marta Pérez Pereiro, e da secretaria xeral da Igualdade da Xunta de Galicia, Sandra Vázquez.
O 25N “é un momento excepcional para reivindicar, reclamar e lembrar ás persoas con responsabilidades e a toda a sociedade en xeral que, mentres persista a violencia patriarcal, non poderemos conseguir sociedades xustas, igualitarias e respectuosas cos dereitos humanos”, continúa o manifesto. Nesta liña, “as universidades, como institucións de ensino superior, debemos contribuír a facer fronte a esta situación achegando evidencias científicas, formando as futuras xeracións de profesionais con perspectiva de xénero, elaborando recursos útiles e efectivos para toda a sociedade e participando tanto individual como colectivamente da cultura de igualdade que identifica, visibiliza, denuncia e illa os comportamentos e actitudes machistas”.
O documento subliña a necesidade de denunciar que a violencia de xénero “é unha violación dos dereitos humanos na que, as universidades, como parte da sociedade, temos a responsabilidade de implicarnos activamente”. “Hoxe, e todos os días do ano, reivindicamos o feminismo como ferramenta de emancipación para conseguir unha sociedade na que poidamos ser e estar”, conclúe o texto ao que tamén se deu lectura en diferentes centros da USC nos seus campus de Santiago e Lugo. A programación do 25N tamén contou con actividades culturais de concienciación en materia de perspectiva de xénero que abrangueron dende performances ata representacións teatrais.
Contra o acoso
Tal e como destacou o reitor, “non podemos dar nin un paso atrás nesta loita” xa que o “elemento central” da Universidade é precisamente a educación para a igualdade. Nesta liña, Antonio López presentou a campaña Contra o acoso co que a institución pretende sensibilizar, a través de diversas canles, a comunidade universitaria nesta materia e dar a coñecer o Protocolo de prevención e actuación fronte ao acoso sexual e o acoso por razón de sexo, orientación sexual e identidade de xénero da USC. Trátase de “achegar o protocolo á comunidade universitaria e que se saiba a onde acudir cando sucede algo así”. A partir do luns 27, a campaña chegará a través de diversos recursos gráficos a bibliotecas, colexios maiores ou ás redes sociais da Universidade.
A campaña nace como froito dun traballo de campo no que se realizaron entrevistas a especialistas en xénero e LGBTQI, representantes de PDI, PAS, alumnado de grao e doutoramento ou colectivos. Así mesmo, desenvolvéronse diferentes xuntanzas para, por unha banda, recoller narrativas reais de acoso para valorar como se reproduce esta problemática e que tipo de consecuencias trae consigo; e por outra, recoller percepcións, impresións e propostas de mellora para a resposta da comunidade universitaria e institución fronte a estes casos.
As persoas que participaron no estudo poñen o foco nas relacións de poder e dependencia da estrutura xerárquica da Universidade. Así, do estudo despréndese “a importancia do medo a denunciar, a facelo público e as represalias na vida académica, laboral ou persoal”. O segundo aspecto destacado é “o aínda presente tabú respecto a este tema, o silencio por parte da comunidade universitaria ante estes casos”. Con este punto de partida, as persoas que participaron do proceso destacan a necesidade de visibilizar o problema, crear espazos de reflexión e axuda mutua, a formación especializada e a sensibilización sobre o tema.
O estudo salienta que pasos pode dar a Universidade para encamiñarse cara a resolver carencias e formular estratexias que melloren a prevención, sensibilización, atención, acompañamento e reparación das vítimas de caso de acoso. Ao longo do mes de decembro está prevista a publicación dos resultados nun informe que achegará as principais liñas para afrontar a situación e mellorar a resposta.

