Ir o contido principal

Manolo Blanco, memoria colectiva do pasado recente de Compostela

O fotógrafo Manolo Blanco interviñendo na inauguración (Foto: Santi Alvite)
O fotógrafo Manolo Blanco interviñendo na inauguración (Foto: Santi Alvite)
Fonseca acolle ata o 30 de abril a exposición ‘A cidade no tempo. A mirada de Manolo Blanco’

Ata o 30 de abril, as dúas salas expositivas do Colexio de Fonseca acubillan unha exposición do fotógrafo compostelán Manolo Blanco (Santiago de Compostela, 1947) que retrata a memoria colectiva da cidade dende 1965 ata 2005.

‘A cidade no tempo. A mirada de Manolo Blanco’ inaugurouse este mércores nun acto no que acompañaron ao autor o reitor Juan Viaño, o presidente do Ateneo de Santiago, Salvador García-Bodaño; o presidente da Asociación de Periodistas de Santiago, Luís Menéndez, e presidente da Real Sociedade Económica de Amigos do País, Juan Bautista de la Salle, todos eles responsables das entidades organizadoras da exposición, que contou ademais co patrocinio da Deputación da Coruña e o Concello de Santiago.

Son 120 documentos que dan conta da cidade compostelá a través da cámara de Manolo Blanco, poñendo en valor o fotoxornalismo e o labor gráfico desempeñado por un fotógrafo que xa é tamén parte da historia de Compostela. A evolución urbanística, a vida cotiá e social, os persoeiros, o barullo das prazas, o mercado, as protestas, a Universidade, a tradición, as festas… unha cotidianeidade retratada por un profesional con longa traxectoria e a quen tamén así se lle quere render unha homenaxe.

Manolo Blanco
Manolo Blanco comeza a traballar como fotógrafo aos dezasete anos compatibilizando o seu estudo da Rúa Nova con encargos de diversos medios de comunicación como La Voz de Galicia, Faro de Vigo, El Ideal Gallego e as axencias Europa Press e EFE, desta última chegando a ser correspondente en Galicia ao igual que do diario El País. Mais a súa traxectoria profesional estivo sobre todo ligada ao xornal El Correo Gallego, no que traballou ininterrompidamente dende 1971 ata a súa xubilación hai uns anos.

Co fundador da Asociación Nacional de Informadores Gráficos de Prensa e fundador da Asociación de Gráficos de Galicia, gañou en 1987 o premio Xunta de Galicia de Xornalismo, o premio Galicia de Comunicación ao Mellor Xornalismo Gráfico (2003) e foi finalista do premio nacional Foto Press (1988) coa instantánea do afundimento do buque ‘Casón’.

‘A cidade no tempo’ poderá visitarse de luns a sábado de 11.00 a 14:00 e de 17.30 a 20.30 horas.

Unha das fotos da sección 'Persoeiros de Compostela' (Foto: Santi Alvite) A exposición poderá visitarse en Fonseca ata o 30 de abril (Foto: Santi Alvite)

Os contidos desta páxina actualizáronse o 16.03.2017.