Ir o contido principal

Manuel Rocha Armada visita a USC a vindeira semana

Manuel Rocha Armada
Manuel Rocha Armada
O actual presidente da Asociación Europea de Xestión Financeira ofrecerá un seminario convidado polo grupo VALFINAP

A Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC recibirá a vindeira semana o catedrático da Universidade do Minho Manuel Rocha Armada, actual presidente da Asociación Europea de Xestión Financeira (EFMA, polas súas siglas en inglés), que impartirá un seminario de redacción e publicación de traballos científicos organizado polo grupo Valoración Financiera Aplicada (VALFINAP) da USC.

Trátase dunha actividade formativa de dez horas de duración na que se abordarán as diferentes etapas do proceso de publicación de traballos de investigación de calidade para revistas científicas internacionais, desde a propia elaboración de papers ata o procedemento de revisión por parte dos editores . Ademais, Rocha Armada mostrará o seu punto de vista sobre a situación actual da investigación así como as perspectivas futuras que se presentan neste eido.

O curso, que terá lugar entre os días 3 e 5 de decembro, estará dirixido a investigadores e estudantes de doutoramento da USC. Máis información sobre esta actividade no enderezo electrónico diegoantoniorguezlopez [at] gmail.com (diegoantoniorguezlopez[at]gmail[dot]com).

Unha destacada traxectoria investigadora Manuel Rocha Armada, mestre en Management Science pola Universidade de Kent e doutor en Business Administration pola Manchester Business School, conta cunha ampla traxectoria docente na Universidade do Minho, onde exerce como profesor catedrático da Escola de Economia e Gestão.

Ademais, forma parte do Núcleo de Investigação em Políticas Económicas da Universidade do Minho, da Academia Mexicana de Ciencias da Administración e do consello editorial de diversas revistas internacionais, como a European Journal of Finance ou The International Journal of Business ou Finance India. Previamente, integrouse nos equipos directivos e científicos de organizacións como a Asociación Europea de Finanzas, a Sociedade Multinacional de Finanzas e a Conferencia Global de Finanzas.

A bagaxe investigadora do catedrático Rocha Armada inclúe publicacións en revistas científicas de relevancia internacional, relatorios en universidades e institucións financeiras de numerosos países e varios premios pola súa labor científica. En xullo de 2018, Rocha Armada asumiu a presidencia da Asociación Europea de Xestión Financeira (cargo que xa ocupara no ano 2011) e da Portuguese Finance Network, unha posición que xa ostentara no ano 2000.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 30.11.2018.