Manuela Antelo Lema gaña o IV Premio de Relato Curto da Asociación de Antigos Alumnos e Amigos da USC

A profesora de Educación Secundaria Inglesa pertencente ao departamento de educación de Mans Unidas, Manuela Antelo Lema, resultou a gañadora do IV Premio de Relato Curto da Asociación de Antigos Alumnos e Amigos da USC (AAAUSC) polo seu texto ‘Dos mujeres’.
A obra, presentada co pseudónimo Flamingo, conta a historia dunha muller que se ve obrigada a marchar da aldea coa súa filla para escapar das rexoubas dos veciños. A narración deixa entrever que a muller viviu un amor considerado ilexítimo pola sociedade que a condenou ao illamento, primeiro, e á fuxida despois. Dende a perspectiva da nena cóntasenos o periplo das dúas mulleres ata a cidade, onde atoparán acubillo nun prostíbulo para comezaren unha nova vida.
O xurado desta cuarta edición, que outorgou o premio por unanimidade, estivo presidido pola profesora da USC Blanca Ana Roig Rechou, e composto ademais por Mª Carmen Pardiñas Añón, directora do Servizo de Vixianza da Saúde da USC; Lourdes Ruibal Feáns, vogal da xunta directiva da AAAUSC; e Marta Neira Rodríguez e Iria Sobrino Freire, profesoras de Lingua e Literatura nas Escolas Universitarias de Maxisterio de Pontevedra e A Coruña.
A dotación do premio é de 300 euros e unha figura da colección Alba de Gloria de Castelao realizada por Sargadelos. Como finalistas do certame quedaron ademais os relatos ‘El hombre que podía resucitar a las moscas’ de Kokere, e ‘¿Qué ha pasado Hopper?’, de Birnazaran.