Ir o contido principal

Máquinas e humanos, na primeira xornada da IV Olimpíada filosófica de Galicia

Foto de grupo dos participantes na terceira edición da Olimpíada
Foto de grupo dos participantes na terceira edición da Olimpíada

Poderán os robots chegar a ser considerados persoas? Quen es ti na Rede? Perdemos ou gañamos a nosa identidade coas novas tecnoloxías? É a tecnoloxía un mecanismo evolutivo? Cales son os límites do humano na civilización tecnolóxica? Pode pensar (e vivir) unha máquina?

Preguntas coma estas serán dirimidas este venres 17 de febreiro entre as 17 e as 20.00 horas na Facultade de Filosofía polo alumnado de secundaria participante na IV Olimpíada filosófica de Galicia. Por primeira vez este ano, e adaptándose á normativa da Olimpíada española, celebrarase unha proba presencial selectiva para as modalidades de dilemas morais e disertación. A segunda proba e a entrega de premios terá lugar o 17 de marzo do 2017.

Nesta cuarta edición participan 170 estudantes de 3 e 4ª ESO e de 1º e 2º de Bacharelato procedentes de numerosos centros de ensino secundario de Galicia, que serán recibidos na USC por Zeltia Laya, profesora de ensino secundario e membro do grupo Nexos de didáctica da filosofía, entidade organizadora do evento coa colaboración da Facultade de Filosofía, representada polo profesor interino Francisco Conde.

O certame acompañarase da exposición de banda deseñada filosófica ‘Filomic’, obra do alunado do IES Ames baixo a tutela da profesora de filosofía de secundaria Eva Garea, e dun taller de distensión emocional organizado polo Seminario Permanente de Emocionalidade, Xéneros e Desenvolvemento Humano da USC e coordinado pola profesora María José Méndez Lois e a investigadora Aixa Permuy Martínez. Todas estas actividades o centro quere dotalas dun carácter reivindicativo “ dada a redución da carga horaria da materia de filosofía no ensino secundario imposta pola LOMCE”, explican os seus responsables.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 16.02.2017.