Ir o contido principal

En marcha o programa de apoio a deportistas de alto nivel da USC

Atleta nas pistas da USC. Foto: Santi Alvite
Atleta nas pistas da USC. Foto: Santi Alvite
A nova campaña comezou o 1 de setembro e son xa 70 as persoas que teñen o recoñecemento DAN e que lles permitirá gozar de moitos beneficios na USC

Dende o 1 de setembro, a USC mantén aberto o prazo para que o estudantado solicite ser recoñecido como deportista de alto nivel, o que lle permitirá beneficiarse de accións tales como dispor dun titor ou titora académico no seu centro, medidas de conciliación da vida académica e deportiva, acceso gratuíto ás instalacións deportivas da USC ou recoñecemento de créditos ECTS, entre outras.

O programa pretende facilitar a plena integración dos deportistas no mundo universitario, ao mesmo tempo que permita garantir unha adecuada compatibilidade nos seus estudos coa súa actividade deportiva.

DAN-USC mantén aberto durante todo o curso académico o prazo de admisión ou renovación, que se realiza de maneira virtual, pero o Servizo de Deportes lembra que canto antes o soliciten antes poderán gozar de todos os seus beneficios. Nestas dúas primeiras semanas son xa 70 as persoas que acadaron este recoñecemento na USC.

O curso pasado


A USC contou no curso 24/25 con máis dun cento de Deportistas de Alto Nivel (DAN), cifra que subliña a tendencia ascendente dos últimos anos. Así, dos 27 deportistas DAN do ano académico 21/22, pasouse a 41 no 22/23, a 75 no 23/24, ata chegar aos 104 rexistrados no presente curso. “A tendencia á alza é clara”, explica o delegado do reitor para o Deporte, Javier Rico, e débese “á aposta decidida que a USC vén desenvolvendo nos últimos anos a prol do Deporte, facilitando a compatibilidade entre vida académica e deportiva”.

Para acadar este obxectivo, resulta crucial o papel do Persoal Docente e Investigador (PDI) que actúa como persoal titor. “O rol dos e das titoras é fundamental xa que son as persoas encargadas de facilitarlles a vida aos e ás deportistas, de tal xeito que cando xorde calquera contratempo na conciliación entre as facetas académica e deportiva, teñen a quen acudir para seguir avanzando da forma máis acaída, sen necesitade de facer renuncias e buscando o xeito máis adecuado e saudable para optimizar o tempo”. En total, 32 titulacións da USC posuían o curso pasado entre o seu estudantado deportistas de alto nivel, sendo os graos en Medicina e Psicoloxía os que encabezaron a listaxe con 24 e 12 deportistas, respectivamente.

Máis mulleres

Ademais, con datos do pasado curso, o 59% dos deportistas DAN na USC son mulleres, evidenciando “o compromiso da Universidade con valores como a igualdade e o fomento de hábitos de vida saudables”, destaca Javier Rico. Este cento de deportistas abarcan preto dunha trintena de modalidades deportivas, sendo o taekwondo a que encabeza a listaxe cun 10% de deportistas DAN.

Todo o traballo dos últimos anos non só se traduce en máis deportistas DAN rexistrados, senón que ten un impacto directo no palmarés obtido. Así, no curso 24/25 estes 104 deportistas rexistraron un total de 263 resultados que os situaron entre os primeiros postos de competicións internacionais (o 23% dos resultados), estatais (41%) e autonómicas (36%). 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 16.09.2025.