Marcos Quintás presenta na EPS de Enxeñaría o proxecto Ecoleia como fórmula de valorizar o sistema produtivo leiteiro galego
O socio da SAT Torneiros de Allariz Marcos Quintás abordará este xoves, a partir das 11.00 horas, na aula 10 da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC, o proxecto de valorización e diferenciación do sistema produtivo leiteiro de Galicia canalizado a través da marca Ecoleia, propiedade de SAT Torneiros.
Quintás relatará na súa intervención, que está aberta á participación de todo o público interesado, a evolución experimentada ao longo das últimas décadas pola SAT Torneiros, unha empresa que comezou a súa andaina na década dos anos 80 producindo leite que vendía unicamente a través do canal convencional.
A reconversión desta SAT para a produción de leite certificado en ecolóxico foi, pouco tempo despois, o primeiro paso para lanzar ao mercado o leite Ecoleia. Trátase dun leite de pasteurización débil que a empresa vende directamente, conseguindo deste xeito dar valor á produción local e facer visible a súa calidade. Na actualidade SAT Torneiros combina o canal de distribución tradicional coa distribución directa a nivel local.
O relatorio sobre o proxecto Ecoleia, a cargo de Marcos Quintás, encádrase dentro das actividades promovidas polo grupo de innovación docente da USC Ruralia, un equipo multidisciplinar integrado por investigadoras das áreas de Economía Agraria, Historia Contemporánea e Ecoloxía da Universidade de Santiago de Compostela.