Marful clausura este martes en Lugo o ciclo Lubicán

Marful presenta este martes 21 en Lugo o seu último traballo, Manual de sedución, nun concerto que servirá de peche do ciclo Lubican que organiza Lugo Cultural. A actuación será na Praza de Santa María ás 20:30 (en caso de choiva trasladarase ao Auditorio Gustavo Freire). Manual de sedución presentouse oficialmente o pasado mes de setembro e esgotou a primeira edición en menos dun mes. A voz de Ugía Pedreira, a guitarra de Marcos Teira, o acordeón de Pedro Pascual e o clarinete baixo de Pablo Pascual chegan agora a Lugo para ensinar a súa cara máis impresionista, con letras surrealistas e unha variedade tímbrica para danzar twist, slow, swing, pasodobres, xotas e mambos. Neste traballo Marful déixase seducir pola música popular galega, pola música italiana, pola súas viaxes e amizades, polas voltas da música ambulante, das varietés e as chiscadelas do music-hall. O resultado é un son club, vintage e cool co carimbo do realismo máxico galego-portugués e con altas doses de retranca. Manual de Sedución foi gravado nos estudos Savik Sound de Caritel (Pontevedra) e contou coa colaboración de Xacobe Martínez (contrabaixo), LAR Legido (batería e percusións), David Herrington (trompeta, fliscorno), Diego Galaz (violino), Alejandro Vargas (piano), José Manuel Díaz (contrabaixo), Alfredo Rodríguez de Factoría Teatro (narración), Paulo Gacio (frauta traveseira), Quim Farinha (violín) e Germán Díaz (serra). O técnico de son foi José Trincado.