Ir o contido principal

Margarita Santos Zas, homenaxeada pola revista ‘Anales de la literatura española contemporánea’

Margarita Santos Zas dirixe a Cátedra Valle Inclán. FOTO: Santi Alvite
Margarita Santos Zas dirixe a Cátedra Valle Inclán. FOTO: Santi Alvite
As 600 páxinas que integran o volume 47 da publicación renden tributo á profesora emérita da USC e directora, dende 2002, da Cátedra Valle-Inclán
Santiago de Compostela

A revista Anales de la literatura española contemporánea rende tributo no seu último volume á figura da profesora emérita da USC Margarita Santos Zas. Esta publicación editada pola Society of Spanish and Spanish-American Studies aparece nas bases de datos de impacto máis importantes, ao tratarse dunha referencia clave para o hispanismo internacional. As 600 páxinas que integran este volume 47 afondan na traxectoria da profesora Santos Zas pertencente ao grupo de investigación Valle-Inclán, adscrito a Cátedra Valle-Inclan da USC, que dirixe a propia Santos Zas dende 2002.  

A homenaxe iníciase cunha presentación asinada por Luis González del Valle da Temple University de Philadelphia, centrada na longa traxectoria académica e as diversas facetas da profesora e investigadora, sinalando tanto a dirección de teses de doutoramento, como as principais liñas de investigación propias, particularmente, a centrada na obra de Ramón del Valle-Inclán, da que é considerada unha relevante especialista. O texto sinala o esforzo de Santos Zas por acadar, coa colaboración dos herdeiros Valle-Inclán Alsina, que a USC sexa depositaria do fondo documental e bibliográfico mais importante dos existentes: os manuscritos orixinais do escritor e a súa biblioteca persoal.

A súa tarefa como xestora —tanto á fronte da Cátedra Valle-Inclán, como do grupo de investigación homónimo, que contou dende 1994 coa subvención de sucesivos proxectos I+D+i, estatais e autonómicos, que posibilitaron a realización de diversos traballos en colaboración— constitúe unha das tarefas formativas ás que Santos Zas prestou maior dedicación. Este feito exemplifícase, sobre todo, no ‘Archivo Digital Valle-Inclán, 1888-1936’, ferramenta de investigación que contén máis de 70.000 imaxes dixitalizadas e que foi Premio de Humanidades Dixitais Hispánicas en 2019.

O labor como editora a través da colección ‘Biblioteca Valle-Inclán’, adscrita ao Servizo de Publicacións e Intercambio Científico da USC, así como a súa presenza en numerosos comités editoriais estatais e foráneos conforman outros dos aspectos que a publicación salienta do currículo desta profesora vinculada á Facultade de Filoloxía. Luis Gonzalez del Valle subliña tamén as tarefas de Santos Zas como organizadora de múltiples congresos, seminarios, ciclos de conferencias ou mostras dedicadas a Valle-Inclán, así como a calidade humana desta profesora emérita.

Ampla produción científica

O apartado relativo á bibliografía desprega a ampla produción científica da profesora que abrangue dende as Obras completas de Valle-Inclán, en colaboración co grupo Valle-Inclán, ata decenas de artigos en revistas e colectáneas, monografías, ou actas de congresos, entre outras, non só verbo de Ramón del Valle-Inclán, senón tamén sobre autores como García de la Huerta, Said de Armesto, Almudena Grandes, Carmen Pallarés, Ana Diosdado, Castelao, Juan Ramón Jiménez, Caballero Bonald, ou Martín Garzo.

A primeira parte da publicación conforma unha miscelánea que concentra artigos de temas varios, relacionados directa ou indirectamente coas liñas de investigación de Santos Zas, e asinados por Darío Villanueva (USC), Francisca Vilches de Frutos (CSIC, Madrid), Bénédicte Vauthier (Universität de Berna), Mercedes Tasende (Michigan University), Rubio Jiménez (U. Zaragoza), Pilar Nieva de la Paz (CSIC Madrid), Laureano Bonet (Universitat de Barcelona) e Javier Blasco (Universidad de Valladolid).

A sección máis directamente relacionada coa principal liña de traballo da profesora Santos Zas ocupa a segunda parte do volume. Adriana Abalo Gómez (Universität de Berna), Juan Aguilera Sastre (Universidad de Logroño-IES). Jose García Velasco (CSIC), Luis Iglesias Feijoo (USC), Rosario Mascato Rey (U. da Coruña), Xaquín Núñez Sabarís (U. do Miño-Braga), César Oliva (Universidad de Murcia), Ermitas Penas (USC), Serrano Alonso (USC), Jose Servera Baño (Universidad de Palma de Mallorca), Anthony Zahareas (Minnesota University) e Rodolfo Cardona (Boston University) integran esta segunda parte do volume.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 27.10.2022.