María Jesús Giráldez renova como decana de Óptica e Optometría para “alcanzar os máximos estándares de calidade”
Avanzar na consolidación da Facultade de Óptica e Optometría e nas súas titulacións coa vontade de “alcanzar os máximos estándares de calidade” será a principal meta da profesora María Jesús Giráldez, quen tomou de novo posesión como decana do centro nun acto institucional que se desenvolveu este mércores 6. A sesión estivo presidida polo reitor Antonio López e contou coa intervención da secretaria xeral, Dulce García Mella, quen deu lectura ao nomeamento da decana.
Antonio López destacou que este centro conta cun equipo de goberno cun obxecto moi claro e destacou o recoñecemento a prol da profesión de óptico-optometrista desenvolvida pola decana no seu discurso. O reitor comprometeu o apoio do equipo de goberno a prol do que definiu como un proxecto ben definido. Ademais, tanto o grao como o dobre grao atópanse entre as titulacións do seu ramo cunha nota de corte máis alta, sinalou. Algo se fará ben, continuou o reitor, para que a xente queira vir, non se trata de algo gratuíto, matizou. Antonio López tamén puxo o foco na necesidade de engadir á oferta docente do centro, un novo nivel formativo: o dos estudos de doutoramento xa que xerar doutores neste ámbito específico, engadiu, é algo estratéxico para a institución.
Pola súa parte, Giráldez subliñou que a súa meta e a do profesorado do centro que dirixe consiste en “formar profesionais ópticos optometristas que poñan ao dispor da sociedade o seu bo facer e os seus coñecementos”. Neste senso, a decana puxo o foco en que esta é unha profesión sanitaria “regulada e independente de atención primaria da saúde visual; unha profesión cunha tripla vertente: a de previr, detectar e solucionar problemas visuais”.
A aspiración final da decana é a de acreditar o título de grao a través do Consello Europeo de Optometría e Óptica. “Buscar unha excelencia que manteña á titulación do grao en Óptica e Optometría, como unha das profesións sanitarias máis demandadas”, dixo, “cunha alta taxa de ocupación laboral e unha moi baixa taxa de paro”, tal e como evidencian os datos de inserción laboral que presentou a profesora Giráldez no seu discurso. A decana destacou a calidade dos plans de estudos do centro e pensa seguir traballando na “consolidación e recoñecemento pleno desta facultade, desta titulación, e desta profesión” xa que “no ámbito académico segue estando pendente a creación da área de coñecemento de optometría”, salientou.
A profesora Giráldez tamén se detivo no Servizo de Optometría “como o principal punto forte do centro, eixo da formación que se ofrece aos estudantes co fin de que estes adquiran aquelas competencias clínicas relacionadas co seu futuro exercicio profesional”. Ademais, destacou a importancia de incluír os proxectos Aprendizaxe-Servizo na docencia clínica a grupos de poboación de diferentes idades, necesidades e capacidades. Giráldez dirixirá este centro da USC xunto ao vicedecano Hugo Pena Verdeal e o secretario Carlos García Resúa.
Currículo
A profesora Giráldez tivo cargos de xestión dende o ano 2001 ao exercer de subdirectora da Escola Universitaria de Óptica e Optometría da USC durante nove anos (de 2001 a 2010) e coordinadora do grao en Óptica e Optometría dende 2010 ata a actualidade. Diplomada en Óptica pola Universidade Complutense de Madrid (1990), diplomada en Óptica e Optometría pola Universidade de Granada (1995) e doutora pola Universidade Complutense de Madrid (2010), Giráldez é autora da tese titulada ‘Superficie de lentes de contacto hidroxel: caracterización e a súa relación coa adherencia de microorganismos’, na que achega coñecemento neste ámbito coa intención de evitar complicacións asociadas ao uso de lentes de contacto.
Con tres sexenios de investigación recoñecidos, e sendo a primeira óptico-optometrista en España en conseguir o seu primeiro sexenio de investigación dende a súa condición de diplomada (en 2005, antes de obter o título de doutora), é membro da Escola de Doutoramento Internacional da USC, dende 2011, dentro do programa en Medicina Molecular.