Ir o contido principal

María José Ginzo recibe o premio ao mellor artigo no IX Seminario Internacional de Estatística con R desenvolvido no Brasil

María José Ginzo noutro acto recente de recollida dun premio á súa tarefa científica
María José Ginzo noutro acto recente de recollida dun premio á súa tarefa científica
Este recoñecemento pon en valor o traballo da profesora da USC así como o papel relevante de Galicia na promoción do software libre e da ciencia aberta no eido da estatística e da análise de datos
Santiago de Compostela

A profesora María José Ginzo Villamayor, do Departamento de Estatística, Análise Matemática e Optimización, foi galardoada co premio ao mellor artigo completo no IX Seminario Internacional de Estatística con R  que tivo lugar a finais de maio no Brasil, organizado pola Universidade Federal Fluminense.

O traballo premiado, titulado ‘Application of Record Linkage Techniques for Road Infrastructure Data Integration: A Study Using R and Real Data’ e presentado na modalidade de comunicación oral, explora o uso de técnicas de record linkage para integrar datos reais de infraestruturas viarias mediante o software R, unha linguaxe de programación especializada na análise estatística e a visualización de datos, amplamente empregada na comunidade científica internacional.

Ademais da súa destacada traxectoria investigadora, María José Ginzo Villamayor é presidenta da Asociación de Usuarios de Software Libre da Terra de Melide (MeLiSa), desde onde organiza, en colaboración coa Facultade de Matemáticas, a Xornada de Usuarios de R en Galicia desde o ano 2015. Este evento é un referente na comunidade galega de análise de datos e busca promover o uso e a divulgación do software R no ámbito académico, profesional e empresarial.

Este recoñecemento internacional pon en valor o labor investigador e divulgador da profesora Ginzo Villamayor, así como o papel relevante que Galicia está a xogar na promoción do software libre e da ciencia aberta no eido da estatística e da análise de datos.
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 10.06.2025.