María José López Couso toma posesión do seu cargo como decana de Filoloxía
A profesora María José López Cousa tomou posesión este luns 25 do seu cargo como decana da Facultade de Filoloxía nun acto protocolario que presidiu o reitor Juan Casares no Salón de Graos do Colexio de San Xerome. López Couso tomou o relevo de Ernesto González Seoane nun proceso electoral celebrado o pasado mes de marzo. Completan o equipo de dirección do centro Belén López Meirama, de Lingua Española, e Javier Gutiérrez Carou, de Filoloxía Italiana, como vicedecanos, ademais de Elisa Fernández Rei (Filoloxía Galega) como secretaria. Para os vindeiros catro anos o novo goberno da Facultade pretende completar o proceso de implantación das cinco titulacións de grao que se imparten no centro á vez que finalizar o proceso de extinción das distintas licenciaturas prestando especial atención aos problemas derivados deste proceso. Por outra banda, revisarase a oferta académica dos títulos de grao e máster ofertados pola Facultade á luz do Decreto da Xunta do pasado mes de decembro polo que se regulan as ensinanzas universitarias oficiais da Comunidade Autónoma de Galicia. María José López Couso explicou que o proceso se produce “nun contexto pouco ou nada favorable, en medio dun permanente cuestionamento das Humanidades por parte dos medios, das autoridades educativas e mesmo dalgún colega, que non é sempre fácil de contrarrestar”. Neste senso, a decana solicitou a mediación do equipo reitoral, e particularmente do reitor, “diante das autoridades para impedir que continúen os recortes que se están a producir na oferta de materias humanísticas en moitos centros de ensino secundario”. “Defendendo a dignidade, a necesidade e a utilidade social dos estudos filolóxicos”, a decana afirmou que a Facultade acaba de entrar nun proceso de reflexión e redefinición da súa oferta de posgrao. Este proceso debe axudar a “procurar a fórmula que nos permita proporcionar aos nosos estudantes de posgrao unha formación sólida e conectada coas novas demandas da sociedade”, nun percorrido que transita polo aproveitamento dos recursos dispoñibles, “moi especialmente o noso extraordinario capital humano, que é sen dúbida o patrimonio máis precioso e máis prezado da nosa Facultade”. Como principais desafíos para os vindeiros anos, a decana sinalou a renovación e actualización dos recursos de apoio á docencia cos que conta o centro, manter o compromiso da Facultade coa biblioteca na súa condición de ferramenta fundamental de investigación ou aproveitar e ampliar as potencialidades do intercambio de estudantes. Neste último aspecto, López Couso lembrou que Filoloxía recibe todos os anos máis dunha terceira parte dos estudantes estranxeiros que chegan á USC a través dos distintos programas de mobilidade. Apelando ao compromiso colectivo, a decana aspira a conseguir que Filoloxía “continúe a ser a Facultade de referencia na área das Humanidades no conxunto da USC, a Facultade de Filoloxía mellor, máis dinámica e máis produtiva do Sistema Universitario Galego, e tamén unha das mellores Facultades de Filoloxía do estado español”. Na súa resposta, o reitor deixou constancia do compromiso do goberno universitario compostelá por axudar a poñer en valor as Humanidades feitas en Galicia, consciente de que a cultura “é o que queda e a lingua a súa expresión máxima”. López Couso María José López Couso é profesora titular do Departamento de Filoloxía Inglesa e Alemá da USC dende novembro de 1997. Ademais da súa actividade en Compostela, nos últimos anos levou a cabo tarefas docentes e de investigación nas universidades de Edimburgo, Freiburg, Glasgow, Helsinki, Xaén, Málaga, Manchester, Munich, Murcia, Vigo e University College London. Forma parte do grupo de investigación ‘Variation, Linguistic Change and Grammaticalization’ dirixido pola profesora Teresa Fanego e é investigadora principal do proxecto ‘Construcionalización e gramaticalización na lingua inglesa’ financiado polo Ministerio de Economía e Competitividade. A súa investigación enmárcase nos procesos de variación e cambio lingüístico na lingua inglesa, en particular nos procesos de gramaticalización, construcionalización, e (inter)subxectivización en ámbitos como os marcadores do discurso, as construcións existenciais e a complementación clausal. Sobre estes temas publicou artigos nas revistas English Language and Linguistics, Neuphilologische Mitteilungen, Folia Linguistica, Journal of English Linguistics ou Folia Linguistica Historica. É tamén co editora dos volumes English historical syntax and morphology (2002), Rethinking grammaticalization: New perspectives (2008), Theoretical and empirical issues in grammaticalization (2008) e Information structure and syntactic change in the history of English (2012). Ocupou cargos de responsabilidade en varias asociacións nacionais e internacionais no ámbito da lingüística como o International Computer Archive of Modern and Medieval English, a Asociación Española de Estudios Anglo-Norteamericanos, a Asociación Española de Lingüística Aplicada e a Asociación Española de Lingüística de Corpus, e forma parte do comité editorial de revistas da especialidade como Folia Linguistica ou Atlantis, entre outras. Foto: Alfonso (Servimav-USC) Xunto a María José López Couso, completan o equipo de dirección de Filoloxía Belén López Meirama, Javier Gutiérrez Carou e Elisa Fernández Rei