Ir o contido principal

Marshall McLuhan, Edward Sapir e Cesare Beccaria súmanse ao conxunto de autores traducidos ao galego da colección Clásicos do Pensamento Universal

A colección Clásicos do Pensamento Universal engadirá a partir deste martes 7 tres novos volumes ao conxunto de traducións ao galego que a USC coedita dende 2002 coa Fundación BBVA. Así, o reitor Juan Casares e o director da Fundación BBVA, Rafael Pardo Avellaneda, acompañados dos prologuistas e tradutores das obras e do director da Colección, Darío Villanueva, presentarán este martes a partir das 12:00 horas no Salón Reitoral do Colexio de San Xerome as obras A Galaxia Gutenberg de Marshall McLuhan , A linguaxe. Introdución ó estudo da fala de Edward Sapir e Dos delitos e das penas de Cesare Beccaria . Con estas tres novas traducións ao galego de obras clásicas do pensamento a colección engade aos seus andeis os volumes correspondentes aos números 14, 15 e 16. Trátase de textos dos que se encargaron expertos e investigadores universitarios. No caso de A linguaxe prologa o volume a catedrática Milagros Fernández sendo a tradución responsabilidade do profesor Benigno Fernández. No volume 15, A Galaxia Gutenberg, asina o prólogo o catedrático e académico Darío Villanueva, mentres que o profesor Manuel Outeiriño se encargou da tradución. Completando o trío, o catedrático xubilado Luis González Guitián asumiu o prólogo de Dos delitos e das penas, mentres que a tradución recaeu no profesor Benedict Buono.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 06.06.2011.