Marshall McLuhan, Edward Sapir e Cesare Beccaria súmanse ao conxunto de autores traducidos ao galego da colección Clásicos do Pensamento Universal

A colección Clásicos do Pensamento Universal acaba de engadir tres novos volumes ao conxunto de traducións ao galego que a USC coedita dende 2002 coa Fundación BBVA. Así, o reitor Juan Casares e a directora editorial da Fundación BBVA, Cathrin Scupin, acompañados dos prologuistas e tradutores das obras, do director da Colección, Darío Villanueva, e do Servizo de Publicacións da USC, Juan Blanco, presentaron este martes 7 en San Xerome as obras A Galaxia Gutenberg de Marshall McLuhan , A linguaxe. Introdución ó estudo da fala de Edward Sapir e Dos delitos e das penas de Cesare Beccaria . Con estas tres novas traducións ao galego de obras clásicas do pensamento a colección engade aos seus andeis os volumes correspondentes aos números 14, 15 e 16. Trátase de traducións das que se encargaron expertos e investigadores universitarios. No caso de A linguaxe prologa o volume a catedrática Milagros Fernández sendo a tradución responsabilidade do profesor Benigno Fernández. No volume 15, A Galaxia Gutenberg, asina o prólogo o catedrático e académico Darío Villanueva, mentres que o profesor Manuel Outeiriño se encargou da tradución. Completando o trío, o catedrático xubilado Luis González Guitián asumiu o prólogo de Dos delitos e das penas, mentres que a tradución recaeu no profesor Benedict Buono. A linguaxe A linguaxe. Introdución ó estudo da fala recolle a obra Language. An introduction to the Study of Speech publicado en 1921 por Edward Sapir cuxa pegada é indeleble na lingüística americana e o “seu legado unha fonte na que bebe a lingüística máis recente de todas as latitudes”. Orixinariamente, o libro tivo unha discreta divulgación cunha tiraxe de 3.000 exemplares, unha soa reedición impresa en 1939 (data de falecemento do autor) e con traducións tardías a oito linguas. O seu autor é “unha figura rutilante” na historia da Lingüística, convertida en personalidade estelar nas últimas décadas, o que explica que o brillo do seu labor tense feito notar so co paso dos anos e unha vez recoñecida a súa sorprendente e pioneira aproximación a certos temas. A Galaxia Gutenberg A Galaxia Gutenberg. A creacion do home tipográfico de Marshall McLuhan presenta unha nova versión dunha obra a medio camiño entre a historia da cultura e da tecnoloxía, como sinala no prólogo o profesor Darío Villanueva. Nas páxinas de A Galaxia Gutenberg o lector atoparase con que hai case que corenta anos, McLuhan menciona xa o ordenador como un instrumento máis de fixación electrónica da información, aínda que, se cabe, máis interesante resulta a súa pegada profética e a súa dimensión visionaria, que constitúe en opinión dos responsables desta edición unhas das marcas da súa orixinal personalidade. Nesta dimensión, o autor considera que “en troques de tender cara a unha vasta biblioteca alexandrina, o mundo virou un ordenador, un cerebro electrónico, exactamente igual ca unha obra infantil de ficción científica”. Ademais de ser unha obra que profetizou boa parte da revolución dixital da sociedade actual, a USC e a Fundación BBVA presentan esta edición en galego no ano no que se conmemora o centenario do nacemento do seu autor. Dos delitos e das penas Dei delitti e delle pene apareceu orixinariamente en 1764 como unha obra dobremente anónima, xa que non constaba nin o nome do autor nin do editor. Os lectores deste volume atoparon un libro pequeno en volume pero cunha enorme cantidade de cuestións e ideas que desmontaban as bases do sistema penal ao tempo que sentaba os fundamentos para a construción dun novo. Segundo os responsables do seu prólogo e tradución, Dos delitos e das penas é un libro de ruptura coa tradición, un libro contra os prexuízos de séculos ou da tiranía do costume, contra a resistencia ante as ideas novas ou contra a obediencia acrítica aos principios recibidos. Marshall McLuhan, Edward Sapir e Cesare Beccaria son os tres autores traducidos nesta quenda