Marta Lois apela a un tempo de liderado social da Facultade de Ciencias Políticas e Sociais
A profesora Marta Lois González tomou posesión este martes do seu cargo como decana da Facultade de Ciencias Políticas e Sociais nun concorrido acto que presidiu o reitor Antonio López, quen lle agradeceu a asunción de responsabilidades en xestión, “peza fundamental para o funcionamento institucional e un acto de xenerosidade, clave da autonomía universitaria”.
Para a nova decana, que comezou o seu discurso con palabras de agarimo e recoñecemento para o seu antecesor no cargo, o profesor Ramón Bouzas, se a Facultade destacou en todo este tempo pola súa gran capacidade de adaptación aos cambios, “agora toca liderar eses cambios que teñen que ser transformadores e impulsados colectivamente, co estudantado, o PDI e o persoal de administración e servizos”. Para iso, formulou catro retos que se marca como obxectivos para a etapa de xestión que comeza.
Por unha banda, enfronta o reto de atraer, implicar e conectar o alumnado coa Facultade, para o que levará a cabo “accións innovadoras de sensibilización sobre a importancia da ciencia política e a súa orientación profesional” vencellando a súa práctica “coa resolución de retos da sociedade” e rachando “a gran desafección amosada pola cidadanía”, dixo. “En definitiva, cómpre reivindicar a política como unha ferramenta fundamental e útil para levar a cabo os cambios e transformacións das sociedades”, manifestou.
A reforma do Plan de estudos do Grao en Ciencia Política e da Administración e a aposta por unha maior mobilidade e internacionalización da Facultade a través dos programas Erasmus e Erasmus + foron outros dos retos que se marcou para a súa etapa á fronte do centro, na que estará acompañada dun equipo “plural, de integración de todas as áreas da facultade” formado por José Caamaño, de Economía Política, Amparo Novo, de Socioloxía, e Alba Alonso, de Ciencia Política
O cuarto dos obxectivos ten que ver coa “procura da igualdade, a diversidade e o desenvolvemento sostible” diante das “crecentes manifestacións de intolerancia, ataques ós dereitos das persoas e o cuestionamento da propia democracia por parte dos movementos reaccionarios actuais”. “Esta Facultade -dixo- síntese interpelada e por iso seguirá promovendo a formación dun espírito crítico, científico, tolerante e aberto á sociedade”.
Marta Lois
Doutora en Ciencia política e profesora do Departamento de Ciencia Política e Socioloxía, Marta Lois é membro da Rede Armela de investigación en igualdade, dereitos e Estado social. Participou en numerosos proxectos de investigación e as súas publicacións están centradas nas políticas públicas de igualdade e na teoría política feminista e co coordinou importantes obras colectivas como Género y Política (2022) Tirant lo Blanch, o Ciencia Política con perspectiva de género (2014) Akal, esta última Premio Ángeles Durán de innovación científica.
Durante 2015 e 2019 foi concelleira do goberno local de Compostela Aberta en Santiago e os seguintes catro anos (2019- 2023) na oposición. En 2023 foi deputada do Congreso e voceira de Sumar.