Ir o contido principal

Este martes inaugúranse na USC tres cursos de verán sobre economía doméstica, dereitos humanos e mediación en conflitos

O ex director da UNESCO Federico Mayor Zaragoza dará unha conferencia na Facultade de Ciencias da Comunicación

A Universidade de Santiago de Compostela inaugura na mañá deste martes 22 dous cursos de verán no Campus de Santiago e outro en Muros.
Economía domésticaExplicar o alcance e as limitacións da contribución da metodoloxía empregada na medición dos usos do tempo nos fogares é o obxectivo do curso de verán ‘Economía doméstica e uso do tempo dos fogares: reflexións á luz do caso galego’, que se inaugurará ás 9:30 horas no Salón de Graos do Centro de Estudos Avanzados (CEA) de Santiago.
Ao acto de apertura asistirán, ademais da directora do curso, María Xosé Rodríguez Galdo, a vicerreitora de Cultura da USC, Elvira Fidalgo; a directora xeral de Formación e Colocación da Consellaría de Traballo, Ana María Díaz; e o director do Instituto Galego de Estatística, Xosé Antonio Campo.
As conferencias profundarán na economía doméstica e a calidade de vida; unha visión histórica do tempo; os estudos na área das estatísticas europeas do emprego do tempo; a produción de estatísticas de xénero en Galicia; a nova enquisa de emprego do tempo 2009-10 do INE; o caso portugués; dinámicas familiares e traballo doméstico en Galicia ou as circunstancias sociais e económicas das familias.
Ademais, están previstas tres mesas redondas nas que recoñecidos expertos analizarán o papel dos Institutos Oficiais de Estatística na medición do uso do tempo, a experiencia dos organismos internacionais na mesma cuestión e as implicacións económicas da medición do uso do tempo nos fogares.
Dereitos HumanosTamén en Santiago, mais ás 10:00 horas no Salón de Actos da Facultade de Ciencias da Comunicación, terá lugar a apertura do curso‘Educación, dereitos humanos e cidadanía’, co que se pretende dar a coñecer as dimensións epistemolóxica, educativa e humanizadora dos dereitos humanos. A conferencia inaugural, ás 10:30 horas, correrá a cargo do ex director xeral da UNESCO e presidente da Fundación Cultura de Paz, Federico Mayor Zaragoza.
Ao longo de 30 horas lectivas, tentarase facer comprender aos asistentes a complexidade e a non neutralidade dos procesos educativos en xeral e dos procesos de ensino aprendizaxe en particular.
Tentarase ademais fomentar a construción participada de regras de convivencia democrática e promover comportamentos respectuosos co medio natural, social e cultural en beneficio das xeracións presentes e futuras. Incidirase na necesidade de rexeitar toda forma de violencia e prever os conflitos, eliminando as súas causas mediante o diálogo e a negociación, para lograr respectar a igualdade de dereitos e oportunidades para homes e mulleres.
MurosO Auditorio Municipal de Muros acollerá ás 10:00 horas o acto inaugural do curso de verán ‘O conflito e as súas técnicas de solución: a negociación e a mediación’, da man do reitor da USC, Senén Barro e a directora do curso, Raquel Castillejo.
Durante as 32 horas lectivas coas que conta o curso divulgaranse as diversas formas de negociación e mediación entre as familias, os matrimonios, as parellas, os educadores, os alumnos, os pais, os empresarios, os sindicatos, os operadores xurídicos, os poderes públicos e os veciños de calquera comunidade.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 21.09.2009.