Ir o contido principal

Martínez Ageitos destaca a capacidade de adaptación de Ciencias e reclama un título apto para a súa integración no Campus Terra

Ageitos, no centro, acompañado do reitor Juan Viaño, membros do seu equipo decanal e do goberno da USC
Ageitos, no centro, acompañado do reitor Juan Viaño, membros do seu equipo decanal e do goberno da USC
O reitor Juan Viaño preside en Lugo o acto de nomeamento de Martínez Ageitos como decano da Facultade de Ciencias por segundo mandato consecutivo

O profesor da área de Enxeñaría Química da USC e decano da Facultade de Ciencias do campus de Lugo, José Manuel Martínez Ageitos, reivindica a capacidade de transformación demostrada por este centro, pensado como sede do primitivo Colexio Universitario de Lugo e convertida en Facultade hai máis de dúas décadas, para adaptarse ás distintas contornas e circunstancias universitarias.

Acompañado do dos profesores Olga Díaz Rubio e Antonio Rumbo Gómez, que continúan no equipo de dirección da Facultade de Ciencias en calidade de vicedecana e secretario, respectivamente, Martínez Ageitos trasladou ao reitor da USC, Juan Viaño, o malestar da xunta de Facultade de Ciencias pola retirada da oferta de títulos da USC do máster en Enxeñaría Industrial, ao entender que tal decisión “interrompe a continuidade da formación académica ofertada polo centro no ámbito da Enxeñaría Industrial. Agradecido pola colaboración recibida de profesores, investigadores e persoal de administración e servizos da Facultade de Ciencias durante o seu primeiro mandato como decano, Martínez Ageitos non reparou en eloxios cara o capital humano e profesional dun centro no que se traballa, non sen dificultades e limitacións materiais e humanas, nun clima de diálogo e participación. O traballo desenvolvido nestes anos está visible no proceso de renovación das acreditacións de todas as titulacións impartidas no centro (os títulos de grao en Nutrición Humana e Dietética e Enxeñaría de Procesos Químicos Industriais, e o máster en Prevención de Riscos Laborais e Saúde Medioambiental), cuxos informes de seguimento resultaron favorable, segundo indicou o reitor. Juan Viaño lembrou asemade que a Facultade de Ciencias de Lugo cubriu neste curso todas as prazas en dúas das titulacións ofertadas (Nutrición Humana e Dietética e o máster en Prevención de Riscos Laborais e Saúde Medioambiental), mentres que a matrícula do grao de Enxeñaría en Procesos Químicos Industriais experimentou un aumento do 30%, ao pasar de 18 ao 25 alumnos, unha evolución positiva que, na opinión de Viaño, é froito das medidas de estímulo postas en marcha a través do plan que financia a Deputación Provincial de Lugo e que terán continuidade cara o curso 2015-2016. Nun acto protocolario sinxelo, que reuniu na Vicerreitoría de Coordinación do campus de Lugo ao actual aos directores de facultades e escolas do campus, así como aos vicerreitores Javier Bueno, Andrés Barreiro e Carme Silva, e a secretaría xeral da USC, Consuelo Ferreiro, ademais doutros profesores da USC, Viaño trasladou os seus parabéns ao equipo dirixido por Martínez Ageitos polo traballo xa desenvolvido nestes anos, ao tempo que lle ofreceu máxima colaboración cara o futuro. O futuro da Facultade de Ciencias do campus de Lugo, pasa, segundo se desprende da reivindicación feita por Martínez Ageitos, pola implantación dunha nova titulación que, aproveitando os recursos materiais e humanos dispoñibles, permita ofrecer unha formación académica singular, enmarcada no plano estratéxico Campus Terra, e que resulte atractiva e susceptible de rexistrar unha demanda axeitada no entorno do Sistema Universitario Galego (SUG). Esta novo itinerario debería posibilitar tamén a formación continua en estudos de mestrado que posibiliten o desenvolvemento dos grupos de investigación na Facultade de Ciencias, engadiu Ageitos, quen tamén confía en mellorar e completar a actual oferta académica do centro lugués coa aplicación das medidas contempladas no plan de viabilidade elaborado en colaboración coa EPS e a través do que se busca potenciar as enxeñarías impartidas no campus de Lugo. Outra opción formativa a medio prazo fai alusión ao novo máster en Innovación en Nutrición, Seguridade e Tecnoloxías Alimentarias, un programa que daría continuidade á formación de graduados en Nutrición Humana e Dietética, dixo.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 30.04.2015.