Martínez de Pisón ofrece este venres a charla 'A paisaxe da montaña' na Facultade de Formación do Profesorado
O catedrático emérito de Xeografía Física da Universidade Autónoma de Madrid e director do Instituto da Paisaxe da Fundación Duques de Soria, Eduardo Martínez de Pisón, ofrecerá o venres 25 de abril, a partir das 11.00 horas, o relatorio ‘A paisaxe da montaña’, no salón de actos da Facultade de Formación do Profesorado de Lugo. Esta sesión, orientada especialmente ao alumnado matriculado no Máster en Dirección de Actividades Educativas na Natureza da Universidade de Santiago de Compostela, tamén está aberta á participación de todas cantas persoas estean interesadas na temática.
Científico, divulgador, explorador, montañeiro e recoñecido defensor da paisaxe, Martínez de Pisón pertence tamén ao padroado de varios parques nacionais. Asemade, é autor de máis de 450 publicacións, cuxa temática se refire especialmente ás paisaxes naturais, xeomorfoloxía das cordilleiras, pensamento xeográfico e xeografía medioambiental. Precisamente foi este o ámbito temático polo que acadou o Premio Nacional de medio Ambiente no ano 1991. Entre as súas publicacións, cómpre citar algúns títulos de libros seus, tales como ‘El territorio del leopardo’, ‘ El sentimiento de la montaña’, ‘El libro de los hielos’ ou ‘Los volcanes’. Alén da súa xa dilatada e non menos prolífica traxectoria académica e científica, Martínez de Pisón presidiu entre 1991 e 1995 o comité españo do Scientific Commitee on Antartic Research. Foi asemade vogal do Comité Científico de Parques Nacionais desde 2002 ata 2012, un cometido que desenvolveu de xeito parello ao seu cometido como director do Plan de Ordenación de Recursos Naturais do Parque Nacional dos Cumios da Serra do Guarradama, cargo que ocupou entre 2003 e 2006.
Asesor xeográfico en documentais sobre o Polo Norte, Alaska, Siberia, desertos do Gobie Taklamakán, Ruta da Seda, karakorum, Himalaia e Transhimalaia, Tibet, e, entre outros, das cordilleiras Kunlún e Hengduan, o incansable viaxeiro Eduardo Martínez de Pisón é tamén correspondente para España do World Glacier Monitoring System, ademais de colaborador do programa ‘ Al filo de lo imposible’, de Televisión Española.