Ir o contido principal

A máscara pasa a ser voluntaria na USC e recoméndase o seu uso en espazos pechados

Tendo en conta a singularidade das actividades que desenvolve a USC, recoméndase o uso da máscara en espazos pechados nos que as persoas transitan ou permanecen durante tempo prolongado, como aulas ou laboratorios. FOTO: Santi Alvite
Tendo en conta a singularidade das actividades que desenvolve a USC, recoméndase o uso da máscara en espazos pechados nos que as persoas transitan ou permanecen durante tempo prolongado, como aulas ou laboratorios. FOTO: Santi Alvite
Así o recolle a instrución de xerencia que acaba de facerse pública logo da xuntanza do Comité de Xestión COVID-19 en aplicación do Real decreto 286/2022
Lugo, Santiago de Compostela

Con carácter xeral, o uso da máscara en espazos interiores da USC terá carácter voluntario. Así o recolle a instrución de xerencia que acaba de facerse pública logo da xuntanza do Comité de Xestión COVID-19 da Universidade compostelá en relación á aplicación do Real decreto 286/2022 polo que se modifica a obrigatoriedade do uso de máscaras durante a situación de crise sanitaria ocasionada pola pandemia.

Tendo en conta a singularidade das actividades que desenvolve a USC, recoméndase a máscara en espazos pechados nos que as persoas transitan ou permanecen durante tempo prolongado, como aulas ou laboratorios. Ademais, tamén se recomenda especialmente o seu uso para os membros da comunidade (persoal e estudantado) que pertenzan aos colectivos definidos como grupos vulnerables polo Ministerio de Sanidade. Co fin de facer efectiva esta previsión, a USC proverá a través da súa Oficina COVID-19 de máscaras de protección tipo FFP2 ás persoas previstas no parágrafo anterior.

De acordo co Real decreto aprobado este mércores 20 de abril, será obrigatorio a utilización de máscara nos servizos que teñan consideración de establecemento sanitario, como o Servizo de Vixilancia da Saúde, servizos de Odontoloxía e de Óptica e Optometría, así como aqueles con atención sanitaria directa a persoas usuarias.

O Servizo de Prevención de Riscos da USC, previa avaliación da singularidade dun posto de traballo, poderá establecer a obrigatoriedade do uso da máscara nos termos previstos na exposición de motivos do real decreto.

 

Uso da máscara en interiores
Uso da máscara en interiores
Os contidos desta páxina actualizáronse o 20.04.2022.