Ir o contido principal

O Master en Arte da USC colabora na organización da conferencia do grupo Latitudes sobre o contrato curatorial

A oficina curatorial barcelonesa Latitudes impartirá este xoves 14 unha conferencia organizada conxuntamente polo Master en Arte, Museoloxía e Crítica Contemporáneas da USC que coordina Pedro de Llano e o Centro galego de Arte Contemporánea (CGAC). A conferencia ‘O contrato curatorial: analoxías e casos de estudo’, a desenvolver ás 20.00 horas no CGAC, analiza modelos extraídos de personaxes da cultura popular así como a terminoloxía legal para definir algúns dos códigos éticos e profesionais que se establecen entre artistas e comisarios. A través do proxecto editorial 'The Last Newspaper' no que colaborou Latitudes no New Museum en 2010 especularase sobre esa relación e como esta dialoga co público como participante do proceso curatorial. Latitudes explicará ademais algún dos seus proxectos incluídos no Soul for Sale (en X Initiative e en Tate Modern), Portscapes, Campus e Amikejo. Latitudes Latitudes é unha oficina curatorial independente integrada por Max Andrews e Mariana Cánepa Luna, que traballa nun contexto internacional dende Barcelona. Desenvolve proxectos de arte contemporánea en asociación con institucións e colabora con artistas en producións que abranguen varias formas de organización e escala: xéneros de display, prácticas editoriais e de publicación, modos de reunir, organizar e programar, así como contextos teóricos e interpretativos. Membro da International Association of Curators of Contemporary Art (IKT) desde 2012, Latitudes recibiu en 2010 o primeiro Premio GAC ao comisariado de exposicións.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 13.06.2012.