O máster en Avogacía despide este venres a súa quinta promoción
O reitor Juan Viaño presidirá este venres 9 ás 20.00 horas no Salón Nobre do Colexio de Fonseca o acto de clausura da quinta promoción do Máster Universitario en Avogacía (2016-2018) impartido pola USC e o Colexio de Avogados de Santiago coa colaboración da Escola de Práctica Xurídica. Na sesión tamén participarán o decano da Facultade de Dereito, Gumersindo Guinarte; o director xeral de Xustiza da Xunta, Juan José Martín Álvarez; o fiscal superior de Galicia, Fernando Suanzes Pérez; o presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, Miguel Ángel Cadenas Sobreira; o decano do Colexio de Avogados de Santiago, Francisco Rabuñal Mosquera; e o director da Escola de Práctica Xurídica, Lotario Vilaboy Lois. Ao acto está prevista a asistencia de 300 persoas entre alumnado da promoción, autoridades, profesorado, profesionais e familiares.
Logo da intervención dunha representación da promoción, farase un recoñecemento público ás institucións e profesionais que colaboran nas actividades formativas da Escola coa entrega de diplomas acreditativos de titores de prácticas externas, tanto aos do grao en Dereito como aos do propio Máster en administracións públicas, órganos xudiciais e despachos legais. Tamén se entregará un agasallo de recoñecemento ás institucións e profesionais colaboradores que veñen prestando dende hai tempo a súa colaboración.
O programa continuará coas intervencións do director xeral de Xustiza, do fiscal superior de Galicia e do presidente do Tribunal Superior de Xustiza galego, que precederán á entrega dun diploma conmemorativo ao alumnado da promoción do máster en recoñecemento da superación do estudos cursados. De acordo coa regulación do réxime de acceso ao exercicio profesional da avogacía en España, este máster forma avogados e avogadas, non só coa finalidade de acadar os mellores resultados nas probas nacionais de avaliación da aptitude profesional, senón sobre todo co obxectivo de mellorar os coñecementos xurídicos, prácticos e deontolóxicos de licenciados/as e graduados/as, facilitando a súa incorporación ao mercado laboral.