Ir o contido principal

O máster en Dirección de Proxectos comeza unha nova edición na EPS de Enxeñaría de Lugo cun 65% de alumnado estranxeiro

Autoridades políticas e académicas con alumnado do máster, na sesión inaugural do posgrao na EPS de Enxeñaría
Autoridades políticas e académicas con alumnado do máster, na sesión inaugural do posgrao na EPS de Enxeñaría
Quince das 23 persoas matriculadas neste posgrao oficial da USC proceden de Brasil, Bolivia, Ecuador, Colombia, México, Uruguai, Venezuela, China e Libia

O máster en Dirección de Proxectos da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC bota a andar este xoves a súa undécima edición cun total de 23 persoas inscritas, na súa maioría enxeñeiros xa titulados, e coa particularidade de que 13 dos alumnos inscritos proceden de países de América Latina –Brasil, Bolivia, Ecuador, Colombia, México, Uruguai e Venezuela-, onde este máster universitario da USC xa se ten consolidado como un posgrao de referencia para os seus titulados. Dous estudantes chegados de China e de Libia, e outros oito titulados universitarios formados nas universidades galegas completan a listaxe de matrícula deste posgrao universitario.

Estruturado en 60 créditos ECTS, o máster en Dirección de Proxectos é unha das titulacións oficiais impartidas na USC que presenta unha maior taxa de alumnado internacional. Outra das particularidades deste posgrao afecta ao perfil heteroxéneo do seu estudantado, titulados universitarios todos eles ámbitos relacionados coas distintas enxeñarías, pero tamén en Informática, Veterinaria, Deseño, Bioloxía, Arquitectura...

A vicerreitora de Coordinación do campus de Lugo, Montserrat Valcárcel Armesto; o coordinador deste máster oficial, o tamén profesor na EPS de Enxeñaría Carlos Amiama Ares; o deputado provincial Álvaro Santos, a alcaldesa do Concello de Lugo, Lara Méndez, e o director da EPS de Enxeñaría, Tomás Cuesta, foron os encargados de dar a benvida ao novo alumnado deste posgrao universitario, un programa cuxos contidos formativos abranguen as áreas de coñecemento recoñecidas polas dúas organizacións internacionais líderes neste campo: o Project Management Institute (PMI) e a International Project Management Association (IPMA).

O coordinador do máster en Dirección de Proxectos da USC, Carlos Amiama, agradeceu na súa intervención o apoio financeiro que presta a Deputación Provincial de Lugo a este posgrao universitario, un programa que xa completaron en anteriores edicións preto de 250 persoas chegadas de universidades de todo o mundo. Amiama sinalou asemade que os alumnos deste máster teñen a oportunidade de completar estadías de formación en máis dun centenar de empresas e entidades coas que se manteñen activos convenios de colaboración.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 13.09.2018.