Un máster en Enxeñaría Agronómica reforza a oferta de titulacións oficiais da EPS para o curso 2013-2014
A Escola Politécnica Superior (EPS) do campus de Lugo reforzará a súa oferta de titulacións oficiais de ensino superior para o vindeiro curso 2013-2014 cun novo máster en Enxeñaría Agronómica. Este novo posgrao, resultante do proceso de transformación e adaptación dos estudos da vella enxeñaría en Agrónomos ao Espazo Europeo de Educación Superior (EEES), comeza a súa andaina académica xusto cando se cumpren 25 anos da implantación destes estudos no campus lugués, que ofertou por primeira a enxeñaría superior de Agrónomos no curso 1987-1988, segundo sinalou o director da EPS, Javier Bueno, na presentación deste máster.
O máster en Enxeñaría Agronómica que ofertará xa o vindeiro curso a Escola Politécnica Superior de Lugo, eleva a dez o número de titulacións oficiais que se poderán estudar no centro universitario lugués, que presenta unha oferta de ensino superior con grande atractivo para o estudantado que desexe contribuír profesionalmente ao desenvolvemento do medio rural. A Escola Politécnica Superior da Universidade de Santiago de Compostela impartirá no curso 2013-14 os graos en enxeñaría Forestal e do Medio Natural, enxeñaría Agrícola e do Medio Rural, Enxeñaría Civil, Enxeñaría das Industrias Agroalimentarias e Enxeñaría en Xeomática e Topografía. A este elenco de títulos de grao cómpre engadir un non menos atractivo e diverso programa de posgraos, como é o conformado por cinco másteres universitarios oficiais: Enxeñaría de Montes, Enxeñaría Agronómica, Dirección de Proxectos, Arquitectura da Paisaxe, Dirección de Proxectos e Xestión Sustentable da Terra e do Territorio, ademais doutras titulacións propias da USC. A presentación do novo máster en Enxeñaría Agronómica, un posgrao oficial estruturado en 100 créditos ECTS e que permitirá ao alumnado escoller entre tres vías diferentes de especialización: Vitivinicultura, Agroenxeñaría e Enxeñaría e produción de leite, serviu asemade para pechar as distintas accións organizadas na Escola Politécnica de Lugo co gallo da celebración do Día da Terra, que nesta ocasión xiraron arredor do lema ‘Unha terra que alimentar’. A temática escollida este ano para a conmemoración desta data simbólica fai fincapé no crecente interese futuro dalgunhas das titulacións da EPS, tales como son os graos en Enxeñaría Agrícola e do Medio Rural, Enxeñaría das Industrias Agroalimentarias, ou o novo máster en Enxeñaría Agronómica. Estes programas gardan estreita relación coa produción e/ou procesado de alimentos, polo que cómpre pensar que van desenvolver un cometido importante nos próximos anos ante o previsible incremento da poboación mundial e o conseguinte aumento das necesidades de subministro de alimentos, segundo sinalou o propio Javier Bueno, quen estivo acompañado polos coordinadores dos tres itinerarios de especialización que ofrece o máster en Enxeñaría Agronómica, os profesores Adolfo López Fabal, Ramón Velo Sabín e Carlos Álvarez López. Programa e atribucións do máster en Enxeñaría Agronómica da USC O máster en Enxeñaría Agronómica pola Universidade de Santiago de Compostela consta de 100 créditos ECTS, distribuídos en 2 cursos de 60 e 40 créditos ECTS cada un, que abranguen un total de catro semestres e que inclúen toda a formación teórica e práctica que o alumnado debe adquirir para obter la titulación. Este posgrao oficial habilita para exercer a profesión regulada de Enxeñeiro Agrónomo con todas as atribucións que ten recoñecidas. O primeiro ano do máster consta de 60 créditos ECTS obrigatorios organizados en 17 materias e catro módulos que se axustan ao indicado na Orde Ministerial CIN/325/2009. Estes catro módulos son Tecnoloxía e Planificación do Medio Rural (20 ECTS), Tecnoloxía da Produción Vexetal e Animal (20 ECTS), Tecnoloxía das Industrias Agroalimentarias (10 ECTS) e Xestión e Organización de Empresas Agroalimentarias (10 ECTS). No segundo ano os estudantes terán que cursar un módulo de especialidade de 18 créditos ECTS, realizar unha práctica externa obrigatoria de 10 ECTS e presentar o Traballo Fin de máster de 12 ECTS. Ofértanse tres módulos de especialidade formados cada un deles por 6 materias optativas de 3 ECTS cada unha, o que suma un total de 18 ECTS para cada módulo de especialidade. As especialidades que se ofertan son Agroenxeñaría, Enxeñaría da produción de leite e Vitivinicultura. Para obter a especialidade o estudante deberá cursar as 6 materias optativas de 3 ECTS cada unha (18 ECTS en total) que conforman o módulo de especialidade correspondente, así como realizar as Prácticas Externas (PE) e o Traballo Fin de Máster (TFM) en temáticas relacionadas coa especialidade elixida. O/A alumno/a tamén pode finalizar o máster sen especialidade, podendo escoller libremente as 6 materias optativas que desexe, sen estar obrigado a que sexan do mesmo módulo, así como realizar as prácticas externas e o traballo fin de máster en calquera temática acorde co título proposto, pero sen a obriga de que estea vinculada á temática de algunha especialidade. A inclusión das temáticas propostas nos módulos de especialidade xustifícanse ben pola relevancia das mesmas na produción agraria da zona de influencia do título (produción de leite, vitivinicultura), ben por satisfacer necesidades formativas en determinadas temáticas transmitidas tanto por enxeñeiros agrónomos egresados da Escola Politécnica Superior como polo Colexio Oficial de Enxeñeiros Agrónomos.