Ir o contido principal

O máster en Enxeñaría da Madeira Estrutural amplía a 80 créditos ECTS a súa carga formativa e adoita carácter bienal

Guaita, Méndez, Barreiro e Oróns, na apertura do máster na Escola Politécnica Superior de Lugo
Guaita, Méndez, Barreiro e Oróns, na apertura do máster na Escola Politécnica Superior de Lugo
Organizado por Pemade e con financiamento de Confemadera Galicia, a sexta edición do posgrao permitirá formar a 31 titulados e profesionais na Escola Politécnica de Lugo

A Plataforma de Enxeñaría da Madeira Estrutural (Pemade) da USC vén de poñer en marcha na Escola Politécnica Superior do campus de Lugo o Máster en Enxeñaría da Madeira Estrutural. Este posgrao propio da USC, pioneiro en España pola súa temática e organizado en colaboración con Confemadera Hábitat Galicia, amplía na súa sexta edición a súa carga lectiva a 80 créditos ECTS e pasa a adoitar periodicidade bienal. “A ampliación do programa formativo deste máster en 200 horas respecto de edicións anteriores responde a unha reiterada demanda expresada polos máis de 200 alumnos que xa completaron este máster”, segundo indicou o seu director, o catedrático do Departamento de Enxeñaría Agroforestal da USC Manuel Guaita. A nova estrutura deste posgrao resulta máis flexible para o alumnado, que pode escoller entre dous itinerarios formativos de diversa intensidade (dous ou tres semestres), en función das súas posibilidades de dedicación e estudo, sinalou Guaita, ao tempo que precisou que a ampliación de horas lectivas permitirá ao estudantado analizar máis casos prácticos de resolución de proxectos.” O acto de apertura da nova edición do máster en Enxeñaría da Madeira Estrutural da USC congregou este venres no salón de actos da Escola Politécnica Superior á práctica totalidade dos estudantes inscritos, así como ao vicerreitor de Desenvolvemento Científico e Tecnolóxico do campus de Lugo, Andrés Barreiro, quen presidiu unha sesión na que tamén participaron a alcaldesa do Concello de Lugo, Lara Méndez e a secretaria xeral de Confemadera Habitat Galicia, Ana Oróns. O carácter heteroxéneo do estudantado deste máster e a súa diversa procedencia constitúen dous dos aspectos destacados no acto de apertura deste posgrao propio da USC. Cómpre sinalar así que dos 31 inscritos, 17 proceden de Galicia, 4 de Madrid, 4 de Castela León, e 2 de Asturias, pero tamén hai alumnos/as de Andalucía, Castela A Mancha, País Vasco e Ecuador. Respecto do perfil académico e/ou profesional desta promoción, a diversidade é outra das características a destacar. De feito, aínda que a maioría (19) son arquitectos e arquitectos técnicos, hai tamén unha nutrida representación de enxeñeiros de Montes e Forestais (9), ademais doutros titulados formados no eido da Enxeñaría Civil. Cadro docente e programa De carácter semipresencial, o máster conta cun cadro docente de 62 profesores de perfil académico, investigador e profesional que proceden das Universidades de Santiago de Compostela, Politécnica de Madrid, Vigo, Valladolid, A Coruña, Oviedo e Estremadura. O programa inclúe profesorado internacional das Universidades de Campiñas (Brasil) e Trento (Italia). Un ano máis, participa tamén como parte do profesorado do máster en Enxeñaría da Madeira Estrutural da USC Albino Angeli, que o pasado mes de xuño obtivo o premio Schweighofer, un galardón que recoñece a innovación no sector da madeira. Ao longo das distintas sesións, os alumnos/as do máster afondarán en distintos aspectos sobre a produción de madeira, selvicultura e xestión forestal sustentable, así como as propiedades tecnolóxicas da madeira, o seu clasificado e caracterización. No temario abórdanse o cálculo de estruturas, o aforro enerxético ou a bioconstrución. O programa complétase con prácticas de laboratorio, visitas a obras singulares e a empresas do sector a nivel nacional e internacional. Tamén inclúe a realización dun proxecto final de carreira. A formación complétase con profesores dos centros tecnolóxicos da madeira de referencia en España como CIS Madeira, CETEMAS, AITIM e INIA, xunto con profesionais da arquitectura, a enxeñaría e empresas do sector da madeira. Os alumnos que finalizan o máster teñen a posibilidade de inscribirse no rexistro de Especialistas en Madeira Estrutural que pon en contacto a estes profesionais con empresas do sector. Alumnos do VI Máster en Enxeñaría da Madeira Estrutural da USC

Os contidos desta páxina actualizáronse o 18.09.2015.