Ir o contido principal

O máster en Enxeñaría da Madeira Estrutural da USC apunta a bioeconomía como fórmula acaída para o desenvolvemento rural

Estudantes e docentes da sétima edición do máster en Enxeñaría da Madeira Estrutural, na EPS de Enxeñaría de Lugo
Estudantes e docentes da sétima edición do máster en Enxeñaría da Madeira Estrutural, na EPS de Enxeñaría de Lugo
A clausura do posgrao da USC dirixido por Manuel Guaita citou na EPS de Enxeñaría de Lugo os 24 estudantes inscritos, docentes e representantes políticos e empresariais

O máster en Enxeñaría da Madeira Estrutural, un posgrao propio da USC, promovido por Pemade en colaboración coa Fundación Laboral da Construción, entre outras entidades e empresas, chama a avanzar no eido da bioeconomía como ferramenta acaída para favorecer un aproveitamento máis óptimo da madeira e dos recursos forestais á vez que se favorece o desenvolvemento e a fixación de poboación no medio rural.

O coordinador deste posgrao propio da USC e director da Plataforma de Enxeñaría de Madeira Estrutural (Pemade), o catedrático do Departamento de Enxeñaría Agroforestal da USC Manuel Guaita Fernández, fixo estas declaracións no marco do acto de clausura da sétima edición do Máster en Enxeñaría da Madeira Estrutura, unha sesión desenvolvida no salón de actos da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do campus de Lugo e na que participaron, ademais dos 24 alumnos que completaron este posgrao, o vicepresidente da Deputación Provincial de Lugo, Argelio Fernández, o xerente da Fundación Laboral da Construción, Fernando García; o director da Axencia Galega de Industrias Forestais, Ignacio Lema, e o director do Departamento de Enxeñaría Agroforestal da USC, Pablo Vila Lameiro.

Logo de sinalar á bioeconomía como senda a seguir a cara o futuro, Guaita sinalou que a posta en marcha deste máster propio constituíu no seu día un primeiro achegamento a este fin, ao tempo que relatou que esta iniciativa formativa singular e pioneira na universidade española comeza agora a ter réplicas parecidas en programas de posgrao doutras universidades españolas. Itinerarios formativos todos orientados a formar como titulados especialistas nos aspectos de cálculo e deseño de estruturas de madeira para edificación, tanto arquitectónica como rural, e para proxectos de obra civil.

O director de Pemade aproveitou este acto para agradecer o esforzo realizado polo alumnado que superou este “esixente programa”, un programa estruturado en 800 horas formativas ao longo de 18 meses con sesións lectivas presenciais e formación telemática, uns agradecementos que tamén fixo extensivos aos 52 docentes (14 son da USC e 38 externos) que imparten formación neste máster.

Respecto do perfil que presenta o alumnado do máster en Enxeñaría da Madeira Estrutural da USC, Guaita comentou que a súa ata o momento singularidade, por non falar exclusividade no contexto universitario español, provoca que recalen no campus lugués enxeñeiros e arquitectos procedentes de toda a xeografía española. De feito, na séptima edición deste posgrao estiveron maticulados 24 alumnos de procedencia diversa. Daquela, cómpre indicar que 14 son galegos, mentres que o resto de estudantes proceden de Madrid, Bizkaia, Oviedo, Burgos, Barcelona, e Gante (Bélxica).

De esquerda a dereita, Guaita, Fernández, Vila, García e Lema, na clausura do máster

Os contidos desta páxina actualizáronse o 14.12.2018.