Ir o contido principal

O máster en Investigación en Medicina e Sanidade Veterinaria bota a andar cunha xornada informativa sobre saídas laborais

O vicerreitor Javier Bueno abre este venres, ás 9.30 horas, un programa informativo, que se desenvolverá en quenda de mañá na sala de xuntas da Facultade de Veterinaria

O máster oficial en Investigación en Medicina e Sanidade Veterinaria botará a andar este venres 18 de setembro unha nova edición coa celebración dunha xornada de orientación laboral, durante a que distintos relatores informarán a estudantes, veterinarios e outros profesionais de áreas afíns sobre as saídas laborais das persoas tituladas no posgrao en Investigación en Medicina e Sanidade Veterinaria, un programa formativo estruturado en 60 créditos ECTS e cunha duración dun ano.

O vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno, inaugurará esta xornada informativa este venres, a partir das 9.30 horas, no marco dun acto que se celebrará na sala de xuntas da Facultade de Veterinaria de Lugo e durante o que tamén intervirán o decano da Facultade de Veterinaria, Germán Santamarina; o deputado delegado da área de Medio Rural da Deputación Provincial de Lugo, José Ulla Rocha, e a profesora da USC e coordinadora deste posgrao oficial, Rosario Panadero. Jaime Méndez de Vigo, de Laboratorios MSD Animal Health, abrirá ás 10.00 horas a quenda de relatorios cunha intervención sobre a actividade profesional veterinaria na industria farmacéutica. Ao seu remate, o profesor da Universidade de León Carlos César Pérez García, abordará o cometido profesional que desenvolven os veterinarios en centros de recría e experimentación animal. Un relatorio de Celia Conde-Pumpido, da Área de Orientación e Inserción Laboral da USC, na que analizará as distintas razóns pola que os titulados/as universitarios/as deciden cursar un máster, e outra charla sobre a actividade profesional dos veterinarios en laboratorios oficiais, a cargo de David Fernández García, do Laboratorio de Sanidade e Produción Animal de Galicia (Lasapaga), completan o programa desta xornada.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 17.09.2015.