Ir o contido principal

Matemáticas dálle a benvida ao alumnado que se examina das ABAU cunha exposición sobre a chegada do home á Lúa

Matemáticas dálle a benvida ao alumnado que se examina das ABAU cunha exposición sobre a chegada do home á Lúa
Matemáticas dálle a benvida ao alumnado que se examina das ABAU cunha exposición sobre a chegada do home á Lúa

O estudantado preuniversitario que hoxe se achegue á Facultade de Matemáticas para realizar as probas ABAU atoparase cunha curiosa exposición que lle axudará a esquecerse por momentos do estrés da xornada.

A mostra ’50 aniversario da chegada do home á lúa’ foi realizada dentro do programa TODOCOSMOS desenvolvido polo Observatorio Astronómico Ramón María Aller (OARMA) da USC e financiado pola Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades. O comisario é o profesor José Angel Docobo Durántez, sendo colaboradores Pedro Pablo Campo Díaz e José Ramón González Romay, ambos investigadores do OARMA.

Aínda que centrada no fito histórico do 20 xullo de 1969, coa chegada natural de Neil Armstrong, Edwin F. Aldrin e Michael Collins a bordo do módulo Eagle dentro do proxecto Apollo 11, a exposición abrangue desde os inicios da astronáutica, co Spunik, a cadela Laika, Yuri Gagarin ou Valentina Tereshkova, ata as misións espaciais actuais e os proxectos de futuro.

Dáse conta tamén na mostra dos principais logros das distintas axencias espaciais, incluíndo as viaxes interplanetarias, as misións de carácter astronómico, as diferentes viaxes non tripuladas a Marte, o descubrimento de auga neste planeta, e tamén a recente alunizaxe na cara oculta da Lúa. Finalmente, coméntanse polo miúdo os principais proxectos astronáuticos previstos para os vindeiros anos.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 12.06.2019.