Matemáticas presenta a súa produción científica nas xornadas de divulgación ‘Habelas, hainas’
Matemáticas organizará a comezos do vindeiro mes a xornada de carácter divulgativo e gratuíto ‘Habelas, hainas’, destinada fundamentalmente a estudantes de grao e mestrado e protagonizada por investigadores novos do centro, para presentar de xeito amable a investigación que se realiza neste centro e demostrar como esta ciencia está presenta actualmente en todos os ámbitos da vida. As persoas interesadas en asistir deberán inscribirse na Secretaria Virtual ata o 6 de novembro e terán dereito a un diploma de asistencia por 3,5 horas.
Como explica o equipo organizador, as charlas levan suxestivos títulos que buscan animar a asistir, deixando de lado prexuízos sobre a ciencia matemática. Con elas poderanse entender a simetría a través da vida cotiá, pero con rigor matemático (‘Xeometrías de aquí e acolá’); saber que detrás dos videoxogos e das interaccións que presenta hai moita matemática (‘Trebellos matemáticos nos videoxogos’); demostrar mediante as matemáticas se unha maior ou menor explotación pesqueira inflúe na poboación de peixes (‘Máis explotación pesqueira, menos peixes pequenos?’); coñecer as ferramentas matemáticas sobre as que están construídas as criptomoedas (‘Pagando en binario: a tecnoloxía dos criptocartos’); reflexionar sobre se existen as casualidades coa axuda da estatística (‘Malo será!’); comprobar que hai moita fórmula matemática detrás dos satélites artificiais e das aplicacións que permiten o seu seguimento (‘Na procura de satélites artificiais’) ou relacionar a ben coñecida conflitividade social galega arredor dos marcos coa teoría que defende que a Terra é plana (‘O movemento dos marcos ou como rebater o terraplanismo’). Ademais, tamén se presentará unha solución para que os correctores ortográficos automáticos sexan útiles nun texto matemático (‘Corrixindo o corrector’).
Serán brevísimas charlas de 20 minutos impartidas por sete investigadores e investigadoras mozas da Facultade, que intentarán presentar dun xeito desenfadado e sinxelo para que se empregan e que son as Matemáticas. Ademais, farano en lingua galega, para que comecen a acostumarse a presentar as súas investigacións ao público non especialista e noutro idioma que non sexa o inglés. Asemade, será unha iniciativa para normalizar o uso do galego nas matemáticas no mes de novembro, en que se celebra a Ciencia en Galego. Trátase dunha iniciativa da Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Matemáticas e do Seminario de Iniciación á Investigación (SII) do centro, co apoio do Servizo de Normalización Lingüística.