Matemáticas, tamén en feminino
Unha exposición de murais elaborados por estudantes de segundo curso do grao en Mestre/a de Educación Primaria recolle de xeito visual algunhas das contribucións científicas realizadas por mulleres ao longo da historia das Matemáticas.
Esta investigación sobre as achegas da muller ás Matemáticas realizada polos futuros mestres e mestras de Educación Primaria presenta unha marcada orientación didáctica, xa que pretende servir de ferramenta acaída para achegar aos futuros escolares a esta disciplina científica, segundo indica a profesora do Departamento de Ciencias Experimentais da USC na Facultade de Formación do Profesorado do Campus Terra e coordinadora desta iniciativa, Dolores Rodríguez Vivero.
A mostra dos traballos elaborados polo estudantado do grao de Mestre/a en Educación Primaria recolle, entre outros elementos, fractais feitos con papel, botóns ou palliñas para dar a coñecer á matemática Rosa Pizter, especialista no concepto de infinito; un cohete xeométrico cunha boneca astronauta para emular os estudos da tamén matemática afroamericana Katherine Jonhson, que inspira protagonista da película ‘Figuras ocultas’ recentemente galardoada nos premios Oscar; e mesmo unha torre Eiffel de palillos e ladrillos de gominola que dá conta dos traballos de Sophie Germain sobre a estabilidade do triángulo.
A seguinte fase deste proxecto de investigación, explica Rodríguez Vivero, pasa por levar a cabo estas actividades cos nenos e nenas de Educación Primaria das escolas de Lugo, pois “a visibilización do traballo das mulleres debe comezar nas escolas xa que a Educación é a que pode cambiar a concepción da muller na sociedade”, sinala.
Dolores Rodríguez Vivero, diante da mostra