Ir o contido principal

O matemático mexicano Adolfo Sánchez analiza de xeito didáctico a relevancia da conxectura de Poincaré na clasificación das posibles formas dun universo tridimensional

Será no transcurso dunha nova sesión do Seminario Vidal Abascal

O investigador do Centro de Investigación en Matemáticas de Guanajuato (México) Adolfo Sánchez Valenzuela imparte este xoves, día 1 de febreiro, unha nova conferencia do Seminario Vidal Abascal do Departamento de Xeometría e Topoloxía da USC. A intervención, titulada ‘Unha primeira aproximación á conxectura de Poincaré’, desenvolverase a partir das 16:30 horas no Salón de Graos da Facultade de Matemáticas.
Nesta charla explicarase a relevancia da conxectura de Poincaré na clasificación das posibles formas que un universo tridimensional pode adoptar. Concretamente, o profesor Sánchez centrarase na clasificación das variedades compactas de dimensións 1 e 2 adoptando un enfoque didáctico que non faga preciso dispor de coñecementos previos de topoloxía.
Adolfo SánchezAdolfo Sánchez Valenzuela obtivo os graos de Licenciado en Física e Mestría en Física pola UNAM, para posteriormente acceder ao de doutor en Matemáticas na Universidade de Harvard en 1986. Na actualidade é coordinador dos Programas de Posgrao do Centro de Investigación en Matemáticas e decano da Facultade de Matemáticas da Universidade de Guanajuato. Ademais é membro do Sistema Mexicano de Investigadores dende 1987 e da Academia Mexicana de Ciencias dende 1993, institución na que coordina a Sección de Matemáticas dende maio de 2006.
O seu interese matemático sempre estivo inspirado na Física, polo que as súas principais contribucións pertencen á teoría das supervariedades e a supersimetría. Ten publicado máis de 30 artigos científicos e é autor de diversas contribucións dirixidas aos estudantes de matemáticas, de artigos de opinión e doutros de divulgación sobre ciencia e matemáticas.
O seminario ‘Vidal Abascal’O seminario cambia o seu nome en homenaxe ao profesor Enrique Vidal Abascal, partícipe fundamental na creación do citado Departamento e da Facultade de Matemáticas da USC, onde ocupou o cargo de director e decano, respectivamente, ademais de ser unha figura emblemática da matemática galega actual.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 31.01.2007.