Mateo Toro e David Sande, de Santiago, e David Fernández, de Lugo, gañan a X Olimpíada Galega de Economía celebrada na Facultade de ADE
Os estudantes de Bacharelato Mateo Toro Diz, do Colexio Peleteiro, David Sande Rúa, do IES Rosalía de Castro de Santiago, e David Fernández Rodríguez, do IES Xoán Montes de Lugo, proclamáronse, respectivamente, campión, subcampión e terceiro clasificado da X Olimpíada Galega de Economía, un certame de carácter académico celebrado na Facultade de Administración e Dirección de Empresas do campus de Lugo da USC e no que tomaron parte máis de 60 alumnos e alumnas de Bacharelato que xa completaron ou están a cursar a materia de Economía e Empresa nunha ducia de centros educativos de Galicia.
Os tres estudantes que quedaron mellor clasificados nas probas celebradas o venres o pasado na Facultade de ADE do campus de Lugo da USC recibiron como agasallos cadanseu reloxo de última xeración, ao tempo que formalizaron a súa clasificación para participar na XI Olimpíada Española de Economía, unha proba de ámbito estatal que se celebrará os días 24 e 25 de xuño na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade Complutense de Madrid e que se encadra no contexto da celebración do 70 aniversario deste centro universitario madrileño.
As persoas mellor clasificadas neste campionato nacional terán a oportunidade de acudir á fase internacional da Olimpíada de Economía que se celebrará na capital de Rusia ao longo do mes de xullo. Antes de desprazarse ata Moscova, o grupo de estudantes que represente a España nesta cita deberá completar un curso previo de formación de carácter gratuíto e que se desenvolverá nas instalacións da Universidade Complutense de Madrid.
A vicerreitora de Coordinación do campus de Lugo, Montserrat Valcárcel Armesto, e a decana da Facultade de Administración e Dirección de Empresas do campus de Lugo da USC, Begoña Barreiro, ofreceron unha breve recepción á delegación de estudantes preuniversitarios que participaron na X Olimpíada Galega de Economía, un certame celebrado por segunda vez no campus lugués, no marco dun acto de benvida no que tamén participaron o vice decano da Facultade de ADE da USC, Fernando Losada; o coordinador no campus de Lugo do programa A Ponte entre o ensino medio e a USC, Francisco Javier López González, ademais doutros profesores da Facultade de ADE que se ocuparon de supervisar a celebración das probas, así como a posterior corrección dos exercicios realizados.
A Olimpíada de Economía nace seguindo a tradición do resto das olimpíadas científicas pero, a diferenza delas, está organizada polas facultades de ciencias económicas e empresariais das universidades públicas españolas, e nestes momentos pódese dicir que xa está consolidada en todo o territorio español. É un concurso de carácter académico e educativo, con múltiples obxectivos entre os que estarían incentivar e estimular o estudo da Economía entre os alumnos interesados nesta materia, premiar o esforzo e a excelencia académica, divulgar os estudos de Economía, tender pontes entre as facultades e os centros de educación secundaria e establecer vínculos cos profesores de Economía do bacharelato.
A Universidade non pode abstraerse dos problemas formativos dos estudantes que van ocupar as súas aulas no futuro, e por iso é importante fomentar os contactos e as relacións estables orientadas a facilitar o intercambio de coñecementos e experiencias. Nese senso, a Olimpíada de Economía ten que xogar o papel de punto de encontro entre ambos niveis educativos.