Ir o contido principal

Maxistrados, responsables da Administración, reclusos e expertos debaterán na USC sobre a acción voluntaria nos cárceres

Cartaz do curso de verán 'A rehabilitación social dos nosos presos'
Cartaz do curso de verán 'A rehabilitación social dos nosos presos'
UNIVERSIDADE DE VERÁN DA USC 2009

A intervención social nas prisións centrará o curso de verán ‘A rehabilitación social dos nosos presos: unha tarefa colectiva (especial referencia ao caso galego)’ que se desenvolverá en Santiago entre os días 14 e 17 de xullo dirixido por José M. Lorenzo Salgado.
A acción voluntaria no interior dunha prisión trata de promover procesos de relación persoal que favorezan a reflexión e o cambio da persoa privada de liberdade. No ámbito da prisión, os voluntarios están sometidos ao marco normativo que a regula e que inflúe de forma determinante no seu traballo. Neste contexto, no curso apuntaranse algúns dos intereses e características da intervención social en prisións, os riscos e erros máis comúns así como os límites, posibilidades e perspectivas que ofrece a acción voluntaria neste campo.
Relatores de relevoNos catro días do encontro circularán pola Facultade de Dereito personaxes e expertos de gran calado que mostrarán nas diferentes intervencións os seus puntos de vista e experiencias. Así, inaugurará o curso o xuíz lugués José Luis de Castro, maxistrado da Audiencia Nacional, nunha primeira xornada na que un grupo de reclusos de Teixeiro participará nun debate no que as historias de vida estarán moi presentes. Algún destes presos volverá participar nun cineforum posterior.
A directora do grupo de teatro Yeses, Elena Cánovas, asiste tamén ao encontro para relatar a súa propia experiencia como funcionaria de prisións. A que en 1985 creara o grupo Yeses no cárcere de mulleres de Yeserías como parte dun proxecto de reinserción e reeducación social, acadou dez anos máis tarde a Medalla ao mérito Penitenciario. Precisamente, nela está baseado o papel de Candela Peña na película ‘El patio de mi carcel’.
Para falar de mulleres e presión o curso conta ademais coa actual Subdirectoral Xeral de Xestión Penitenciaria, Concepción Yagüe, cunha ampla traxectoria profesional e autora de numerosas publicacións científicas. O peche das xornadas porao a secretaria de Estado de Institucións Penitenciarias, Mercedes Gallizo.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 23.06.2009.