Ir o contido principal

O mecanismo de Turing, responsable da formación de patróns na natureza, explica o reparto de falantes nun territorio bilingüe

Os investigadores apuntan a que ademais do modelo específico de competencia lingüística, baseado no contexto, tamén se debe ter en conta a rede xeográfica na que se desenvolven as dinámicas
Os investigadores apuntan a que ademais do modelo específico de competencia lingüística, baseado no contexto, tamén se debe ter en conta a rede xeográfica na que se desenvolven as dinámicas
Os investigadores da USC Jorge Mira, Alberto Pérez Muñuzuri e Mariamo Mussa analizaron os casos de Galicia e da rexión austríaca de Carintia para concluír que, en ambos os dous territorios, as linguas distribúense xeograficamente de forma complementaria
Santiago de Compostela

Explicar a distribución espacial dos idiomas nunha situación de bilingüismo é a meta da investigación que os profesores da USC Jorge Mira, Alberto Pérez Muñuzuri e a investigadora Mariamo Mussa acaban de publicar na revista Physical Review Research e na que reproducen os casos de Galicia e a rexión de Carintia, situada no sur de Austria e onde conviven alemán e esloveno. Os científicos pertencentes á Facultade de Física descubriron que o mecanismo de Turing, responsable da formación de patróns e diferenciación en moitos sistemas naturais, tamén pode explicar como se reparten dous idiomas coexistentes nun mesmo territorio.

O conxunto de datos analizados no caso galego inclúe información sobre a fracción de galegofalantes e castelanfalantes en 20 áreas supracomarcais da comunidade e as redes de contacto entre 550 entidades de poboación; mentres que no caso de Carintia, tomáronse en consideración os falantes de esloveno e alemán no ano 1910, distribuídos en nove distritos e a estrutura de contactos de 112 pobos ou cidades. “As rexións que concentran un gran número de falantes de esloveno —principalmente cerca da fronteira entre Austria e Eslovenia— concentran poucos falantes de alemán, sucedendo o mesmo á inversa”, explican os investigadores. En ambos os dous territorios, as linguas distribúense xeograficamente de forma complementaria.

“Ata agora investigáramos a evolución temporal de dúas linguas que compiten entre si en forma de ecuacións diferenciais que describen o seu comportamento a gran escala. Agora, introducimos a dimensión espacial do problema”, sinalan os investigadores. “Ademais, malia que se ten prestado moita atención aos fenómenos do cambio de idioma —a adopción de idiomas maioritarios en lugar de minoritarios—, arroxouse relativamente menos luz no eido da coexistencia lingüística, onde dous ou más idiomas que persisten nunha rexión xeograficamente contigua”, engaden. Os investigadores apuntan a que ademais do modelo específico de competencia lingüística, baseado no contexto, tamén se debe ter en conta a rede xeográfica na que se desenvolven as dinámicas. Son tamén asinantes do artigo Juyong Park do Instituto avanzado de ciencia e tecnoloxía de Corea do Sur, así como Sayat Mimar e Gourab Ghoshal da Universidade estadounidense de Rochester.

Patróns periódicos

O mecanismo de Turing foi desenvolto inicialmente por Alan  Turing, pai da computación moderna, no que foi o seu último traballo, en 1952. O científico afondou en como se unha computadora podía ser programada para calcular, un ser vivo tiña que estar gobernado, asemade, por algún mecanismo similar que explicase o seu desenvolvemento dende a etapa embrionaria. Segundo o matemático, debido a un equilibrio concreto entre reacción e difusión, non se crean os patróns homoxéneos habituais, senón que a simetría rómpese e xéranse patróns periódicos.

Este modelo foi creado, en orixe, para explicar procesos de diferenciación celular e está amplamente aceptado como o mecanismo elixido pola natureza para producir estruturas e diferenciación; por exemplo, a separación das cores da pel de animais como o leopardo. Recentemente, estas ideas extrapoláronse a outros campos do coñecemento e, en particular, ao estudo do comportamento social. O presente artigo confirma a potencia deste mecanismo como fonte xeradora de diferenciación mesmo no contexto de competición de linguas. Os autores consideraron redes complexas que describen a distribución espacial dos núcleos de poboación que interactúan entre si a través de fluxos de mobilidade. O mecanismo de Turing neste contexto permite recuperar a distribución de linguas nos dous exemplos considerados.

Alberto Pérez (esquerda) e Jorge Mira (dereita) son dous dos asinantes do artigo. FOTO: Santi Alvite
Alberto Pérez (esquerda) e Jorge Mira (dereita) son dous dos asinantes do artigo. FOTO: Santi Alvite
Os contidos desta páxina actualizáronse o 24.06.2021.