Ir o contido principal

Medicina celebra a súa festividade cun acto de recoñecemento ao profesorado xubilado nos cursos 2019-2020 e 2020-21

Festividade patrón de Medicina
Foto de familia das persoas que tomaron parte no acto. FOTO: Santi Alvite
A lección maxistral 'Erros, éxitos e leccións da pandemia COVID-19' correu a cargo do profesor emérito Juan Gestal
Santiago de Compostela

A Facultade de Medicina conmemorou este luns a festividade do seu patrón San Lucas cun acto institucional presidido polo reitor Antonio López e no que o profesor emérito Juan Gestal pronunciou a lección maxistral titulada 'Erros, éxitos e leccións da pandemia COVID-19'. A sesión que se desenvolveu no Salón de Actos do centro estivo dedicada ao profesorado xubilado pola súa implicación na formación dos profesionais sanitarios en xeral e dos médicos en particular.

“Para unha universidade histórica como a nosa o fundamental é o capital humano. Vós representades o mellor diso pola vosa vocación docente, investigadora e asistencial e, con este xesto simbólico, queremos achegarvos o recoñecemento da Universidade”, subliñou o reitor na súa intervención. “Sempre seredes profesores desta casa porque ser profesor desta Facultade non é un oficio, senón unha forma de vida”, engadiu o decano Julián Álvarez. Tamén tomaron parte no acto os vicedecanos José Martín Carreira Villamor e Ángela Juana Torres Iglesias, alén da xerente da Área Sanitaria de Santiago e do Barbanza, Eloína Núñez Masid.

A secretaría académica da Facultade de Medicina e Odontoloxía, Mª del Pilar Fernández Rodríguez, deu lectura á entrega de Placas Honoríficas da Facultade de Medicina ao profesorado xubilado durante os cursos 2019-2020 e 2020-21. Así, foron recoñecidos coas súas respectivas placas Ángeles Lorenzo Lago, Antonio Canedo Lamas, José Ramón Fernández Lorenzo, Manuel López-Rivadulla Lamas, Piedad Virginia Fernández Redondo, Mª Carmen Segura Iglesias, Alejandro Novo Domínguez, José Luis Bello López, Antonio Crespo Abelleira, Alvaro Ruibal Morell e Carlos Fernández González.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 18.10.2021.