Ir o contido principal

Medicina inaugura este martes a Cátedra de Educación Médica

A Facultade de Medicina e Odontoloxía comeza a súa semana de celebración da festividade do seu patrón, San Lucas, coa inauguración este martes 15 da Cátedra de Educación Médica e da nova Sala de Técnica Anatómica cun acto que inaugurará o reitor da USC, Juan Casares Long ás 11:30 horas. Unha das prioridades para o equipo de goberno da facultade foi sempre a creación dunha Cátedra de Educación Médica, como cátedra de empresa que asesore na execución de propostas de mellora da docencia na Facultade; promova entre os docentes a formación en novas tecnoloxías e entre o alumnado a adquisición de habilidades e competencias clínicas. Nese proceso apareceu como colaboradora a Sociedade Española de Medicina Xeral e de Familia que lle dá nome á cátedra USC-SEMG. A cátedra conta cun laboratorio de habilidades con 24 postos, unha sala de simulación básica (consulta médica, reanimación cardiopulmonar, ...), e outra de simulación avanzada (simulación de procesos clínicos complexos, UCI,...), ademais dun despacho para titorías e unha sala de reunións multifuncional. Á fronte da Cátedra estará o profesor Víctor Manuel Arce Vázquez, vicedecano de Intercambios, Innovación Docente e Calidade da Facultade, contando coa doutora Pilar Rodríguez, da SEMG, como co directora. Programación

A programación académica da Cátedra para o curso 2013-2014 comprende dous conxuntos de actividades, as dirixidas ao alumnado e as mixtas. Entre as primeiras figuran, entre outros, cursos de cirurxía menor, de reanimación cardiopulmonar, de espirometría, de abordaxe ao tabaquismo, de arritmias e de nutrición. Entre as actividades dirixidas tamén a persoal médico ou de enfermaría contémplanse seminarios sobre atención Integrada DM para DUE e Médicos e atención ao paciente na abordaxe do continuum da Diabetes Mellitus tipo 2.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 14.10.2013.