Ir o contido principal

Medicina prepara a implantación do sexto curso do grao cos coordinadores docentes dos hospitais universitarios galegos

Medicina prepara a implantación do sexto curso do grao cos coordinadores docentes dos hospitais universitarios galegos
Medicina prepara a implantación do sexto curso do grao cos coordinadores docentes dos hospitais universitarios galegos

O equipo decanal de Medicina reuniuse na USC cos coordinadores docentes de pregrao dos hospitais universitarios de Galicia para preparar a implantación do sexto curso de grao, totalmente práctico e coñecido agora como MIR-0, que terá lugar o próximo ano académico 2013-2014 e no que está previsto poder comezar a enviar alumnado a todos eses centros hospitalarios. Á xuntanza, presidida polo decano Juan Gestal Otero, asistiron o vicedecano de Clínicas, José Carreira Villamor; os coordinadores docentes do CHU da Coruña, Antón Fernández García e Juan Carlos Vázquez Barro; do CHU de Pontevedra, José Luis Martínez Melgar; de Ferrol, Silvia Rodríguez Dapena; do Lucus Augusti, Ángel López Rodríguez; de Ourense, Santiago Reinoso Hermida; do CHU de Vigo, José Ramón Fernández Lorenzo; e as alumas Ana Cerezo Álvarez, Pilar Lage Follente e Violeta Pérez Rodríguez. Juan Gestal presentoulles as liñas directrices e obxectivos de formación que se pretenden conseguir coas materias prácticas de sexto curso, cunha orientación clara á adquisición de competencias e habilidades clínicas por parte do alumnado. Informoulles ademais da proba ECOE (Avaliación de Competencias Obxectiva Estruturada) que deben realizar os estudantes unha vez superadas as materias de sexto e coa que se comproba a adquisición das competencias profesionais (clínicas e de comunicación). Esta proba vaise xa realizar experimentalmente no mes de xuño. Os asistentes coñeceron tamén os detalles do Traballo Fin de Máster que debe presentar o alumnado para graduarse en Medicina con nivel de Master e a posibilidade de que os doutores dos seus hospitais poidan participar na súa titoría. Ao remate da xuntanza tivo lugar no Pavillón docente Novoa Santos a segunda xornada de presentación da oferta docente de pregrao de cada un dos hospitais universitarios de Galicia ao alumnado dos tres últimos anos de licenciatura na que os coordinadores docentes explicaron as características e posibilidades formativas dos seus centros.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 03.05.2013.