Medicina reúne os maiores expertos do mundo en senescencia celular
Santiago de Compostela acolle desde este domingo 19 e ata o día 22 a maior reunión científica sobre senescencia celular do mundo. A conferencia Internacional ‘Senescencia celular: da fisioloxía á patoloxía’, a primeira que promove a International Cell Senescence Association, reunirá en Medicina como relatores os máis importantes expertos de tres continentes (14 europeos, 6 americanos e 2 asiáticos) e vai contar coa participación de máis de 200 investigadores de 24 países que presentarán arredor de 120 comunicacións científicas. A senescencia (ou envellecemento) celular é un proceso que foi identificado inicialmente como unha curiosidade de laboratorio ao tratar de crecer células a partir de tecidos humanos. As células, como os nosos organismos, non son inmortais e cando se illan e cultivan en laboratorio poden dividirse ata alcanzar un límite que as leva a cesar a súa proliferación. Para os investigadores este fenómeno é unha imitación do envellecemento. A posibilidade de estudar o envellecemento no laboratorio a partir das células illadas do organismo foi “tentadora” para moitos laboratorios, “que se lanzaron a analizar os cambios que sofren as nosas células mentres envellecen para tratar de entender mellor o proceso e quizais atopar o secreto da eterna xuventude”, explica o investigador da USC Anxo Vidal, un dos organizadores do encontro internacional. Non obstante, explica Vidal, mentres estudaban este proceso, os investigadores topáronse cunha sorpresa: “esta especie de envellecemento celular dáse nas nosas células ante distintas agresións, e entre elas, cando xurde unha actividade que pode desembocar en cancro”. Así, esta nova faceta da senescencia celular levou a formular a posibilidade de explotar esta defensa natural das células para impedir o desenvolvemento tumoral. Esta interesante área de investigación biomédica atópase en boga actualmente, e permanentemente xorden novas sorpresas que relacionan a senescencia celular con procesos normais, como o desenvolvemento ou a reparación de tecidos, así como con diversas patoloxías, especialmente aquelas relacionadas coa idade avanzada. No congreso revisaranse os principais coñecementos que se teñen hoxe sobre este proceso e presentaranse os últimos avances, en moitos casos relacionados coa posibilidade de modificar esta resposta ou de eliminar as células que sufriron este proceso, con vistas a mellorar os tratamentos de diversas enfermidades e, incluso, provocar un auténtico rexuvenecemento do organismo. Ademais do propio Anxo Vidal, a reunión está organizada polo investigador Manuel Collado, do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago, xunto con Manuel Serrano, do Centro Nacional de Investigacións Oncolóxicas, e Daniel Peeper, do Instituto Nacional do Cancro de Holanda, e patrocinada pola USC, o Idis, a Xunta de Galicia e a Rede de Senescencia do Ministerio de Economía e Competitividade, entre outros. A inauguración terá lugar este domingo ás 18.00 horas no Salón Nobre do Colexio de Fonseca seguida da conferencia de Judy Campisi, do Instituto Buck para a Investigación sobre Envellecemento (Novato, USA). As sesións científicas desenvolveranse de luns a mércores na Facultade de Medicina.