Médicos Sen Fronteiras inaugura na USC a exposición ‘First ladies: mulleres en emerxencia’

A organización médico-humanitaria Médicos Sen Fronteiras (MSF) chega á cidade esta semana coa súa Campaña ‘Santiago sen Fronteiras’, que engloba numerosas actividades. Unha delas é a exposición fotográfica ‘First Ladies’ (Primeiras Damas) que no Colexio de Fonseca rende homenaxe aos millóns de mulleres vítimas de conflitos e da violencia en todo o mundo. As historias destas ‘First Ladies’ (Primeiras Damas) foron recollidas por tres fotógrafos en tres contextos afectados pola guerra ou a violencia: Pim Ras na República Democrática do Congo, Venus Veldhoen en Sudán do Sur e Juan Carlos Tomasi en Batangafo, Bouca, Bossangoa e Bangui, en República Centroafricana. As súas imaxes acompáñanse de testemuñas de mulleres atendidas nos proxectos de MSF nestas rexións así como de traballadoras locais da organización. A inauguración da exposición, que se poderá visitar no claustro do Colexio de Fonseca ata o sábado 4 de outubro, terá lugar este xoves 25 ás 12.30 horas nun acto no que participan a vicerreitora de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social, Dolores Álvarez; a coordinadora en Galicia de MSF, María Díaz, e a membro do MSF Eva Domínguez. A violencia sexual contra as mulleres, a análise Acompañando a esta exposición, MSF organiza tamén este xoves, ás 19.00 horas no Centro Galego de Arte Contemporánea, unha mesa redonda sobre violencia sexual contra as mulleres na que participan Begoña Gómez, membro do CIFEX e profesora do Máster Universitario en Educación, Xénero e Igualdade da USC; Xesús Ron, director artístico da compañía de teatro Chévere; e unha representante de MSF. A mesa estará moderada pola xornalista Belén Regueira e nela debaterase a problemática e a situación de violencia á que a muller se ve exposta en diferentes contextos, especialmente nos contextos de conflito armado e crises esquecidas.