Ir o contido principal

O mellor estudantado galego, na USC

O número de estudantes cunha puntuación de nove ou superior na parte xeral das PAAU incrementouse este ano nun cento. Foto Santi Alvite
O número de estudantes cunha puntuación de nove ou superior na parte xeral das PAAU incrementouse este ano nun cento. Foto Santi Alvite
A USC recoñece o esforzo do alumnado coa mellor nota na Selectividade

Un total de 434 estudantes de Ensino Medio de 169 centros de Galicia acadaron unha puntuación definitiva de nove ou superior na parte xeral das Probas de Acceso á Universidade na convocatoria de xuño. Estas 277 rapazas e 157 rapaces verán recoñecido o seu esforzo esta tarde nun acto que, como cada ano, organiza a Universidade de Santiago. A provincia con máis estudantes avantaxados é A Coruña (188) seguida de Pontevedra (149), Lugo (69) e Ourense (28). Será ás 18.00 horas no Auditorio de Galicia cando o reitor Juan Viaño dea a benvida ao grupo de estudantes encabezados pola alumna coa mellor cualificación (9,96), Patricia Martínez Paz, do IES San Rosendo de Mondoñedo, que intervirá no propio acto xunto co director do IES Río Miño de Rábade , Ángel Lage García. Ademais dos familiares e representantes de centros de Ensino Medio onde os estudantes cursaron o Bacharelato, asisten os vicerreitores de Oferta Docente e Innovación Educativa, de Comunicación e Coordinación, e de Coordinación do Campus de Lugo, Roberto Javier López, José Pereira e Javier Bueno, respectivamente; o delegado da USC na CIUG, Jaime Romero; o coordinador do Programa ‘A Ponte’ , Luis Hervella; e o secretario do Consello Social, José Benigno Carril. Os mellores, na USC

O pasado ano, dos 342 estudantes cunha nota de nove ou superior nas probas de acceso á Universidade, 174 matriculáronse en titulacións da USC, tanto no Campus de Santiago como no de Lugo. En concreto, estudaron este curso os graos de ADE, Política e da Administración, Química, Medicina, Psicoloxía, Historia, Veterinaria, Filosofía, Historia da Arte, Mestre de Primaria, Bioloxía, Odontoloxía, Economía, Xornalismo, Comunicación Audiovisual, Dereito, Lingua e Literatura Moderna, Filoloxía Clásica, Enxeñaría Química, Enfermaría, Física, Matemáticas, Farmacia e Lingua e Literatura Inglesa, Española e Galega.

Foto Santi Alvite

Os contidos desta páxina actualizáronse o 01.07.2014.