Ir o contido principal

A mellora da calidade e a internacionalización, entre os retos da decana de Ciencias Económicas e Empresariais Emilia Vázquez Rozas

A xornada protocolaria celebrou no Salón de Graos do Colexio de San Xerome. Foto: Servimav-USC
A xornada protocolaria celebrou no Salón de Graos do Colexio de San Xerome. Foto: Servimav-USC
Nun acto protocolario en San Xerome tomou posesión do seu segundo mandato á fronte da Facultade logo da súa reelección o pasado novembro

No acto de toma de posesión como decana de Ciencias Económicas e Empresarias, a profesora do Departamento de Economía Cuantitativa Emilia Vázquez Rozas marcouse como obxectivo principal para o equipo que encabeza a “mellora da calidade da educación para os nosos estudantes, pois nas súas mans está o futuro da nosa terra”. A sociedade, engadiu, demanda “bos profesionais, especializados nas áreas de economía e da empresa, capaces de tomar decisión con fundamento científico, de planificar e organizar, de xestionar adecuadamente os recursos escasos, con coñecemento da economía do seu país dentro do mundo global actual”. Nunha sesión presidida polo reitor Juan Viaño no Salón de Graos do Colexio de San Xerome, Vázquez Rozas animou a “manter, e mesmo acrecentar, a calidade dos nosos estudos, para adecualos axeitadamente aos requirimentos de Boloña”. Neste senso, lembrou que a pesar do contexto actual de crise económica “fomos quen de superar os criterios de calidade, obtendo resultados satisfactorios nas avaliacións da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia aos informes anuais de seguimento dos títulos”. Por diante, este ano someteranse a acreditación tres másteres do centro e o próximo curso os graos de Economía e o de Administración e Dirección de Empresas o que marca “ ardua tarefa por diante, na que todos estaremos implicados”. Coa internacionalización como “cuestión crucial de cara ao posicionamento dos nosos títulos”, o equipo decanal ten proposto a creación dun acordo con La Rochelle Business School para que o estudantado de Administración e Dirección de Empresas poida ser titulado tamén por esa universidade francesa e está en estudo a posibilidade de engadir á oferta do centro a docencia en liña en acordo con outras institucións. Conscientes de que o futuro leva asociadas novas circunstancias, Emilia Vázquez Rozas apelou á necesidade de establecer sinerxías e colaboracións con outros centros e “poder ofertar títulos atractivos para a formación do noso alumnado”. “Somos optimistas cara o futuro –dixo a decana- pois contamos cun equipo humano preparado e con ánimo de traballar a prol da mellora continua da nosa Facultade”, apostando xa dende unha perspectiva colectiva por “unha universidade áxil, moderna e adaptada ao tempos actuais”. Acompañarán á decana no seu equipo Alejandro Ballesteros Ron como vicedecano de Estudantes e Intercambios,Fidel Martínez Roget á frontede Asuntos Académicos,Leandro Benito Torres de Economía e Infraestruturas e Loreto Fernández Fernández como vicedecana de Innovación, Relacións coas Empresas e Institucións. Mercedes Tato Rodríguez é a secretaria. Emilia Vázquez Rozas Mª Emilia Vázquez Rozas imparte docencia sobre econometría para Economía e Administración e Dirección de Empresas, ademais de participar na docencia de doutoramento e posgrao. O seu labor investigador xira arredor da análise do crecemento económico, a economía rexional e sectorial e o emprendemento. É autora de numerosos relatorios a congresos nacionais e internacional, libros e publicacións en revistas nacionais e internacional de recoñecido prestixio. Responsable e membro do consello de redacción da Revista Galega de Economía, ademais pertence á Asociación Española de Economía da Educación, á Asociación Española de Ciencia Rexional, a European Regional Science Association e á Regional Science Association International e é secretaria da Asociación Científica e Cultura de Modelización Económica Hispalink – Galicia. Na súa intervención, Emilia Vázquez sinalou como retos deste segundo mandato a internacionalización e as sinerxías con outros centros. Foto: Servimav-USC

Os contidos desta páxina actualizáronse o 04.02.2015.