A mellora das infraestruturas, o reforzo da actual oferta docente e da produción de I+D, novos retos da Facultade de Ciencias
A mellora das infraestruturas e do aproveitamento dos espazos dispoñibles no centro, o fortalecemento da actual oferta de títulos académicos e o seu reforzo coa próxima implantación do título de grao en Bioquímica, así como o a promoción da actividade de I+D+i no propio centro universitario do campus de Lugo constitúen algúns dos retos cos que o profesor do Departamento de Física Aplicada da USC Francisco Fraga López asume a súa segunda etapa como decano da Facultade de Ciencias.
O profesor Fraga López esbozou algúns dos obxectivos que pretende acadar nos próximos catro anos no marco do acto académico de toma de posesión como decano, unha cerimonia celebrada este martes no salón de graos da Facultade de Ciencias e que estivo presidida polo reitor da USC, Antonio López. A secretaria Xeral da institución académica, Dulce García Mella; a vicerreitora de Coordinación do campus de Lugo, Montserrat Valcárcel, e o profesor José Manuel Martínez Ageitos, que desenvolveu as funcións de decano durante os últimos 8 anos, tamén interviñeron neste acto.
Fraga López, que estará acompañado nesta nova etapa á fronte da Facultade de Ciencias pola profesora da área de Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica Asteria Luzardo, en calidade de vice decana, e da tamén docente do Departamento de Química Física da USC Aida Jover, como secretaria, adiantou asemade a súa vontade de traballar a prol de potenciar a visibilidade interna e externa da Facultade de Ciencias e da súa oferta de titulacións académicas e de servizos, ademais de para impulsar a xa crecente mobilidade de estudantes, docentes e PAS no centro universitario lugués.
Fraga López aproveitou a súa intervención no acto de toma de posesión como decano para frear certos rumores e facer unha forte defensa respecto da continuidade na Facultade de Ciencias da USC do grao de Enxeñaría en Procesos Químicos Industriais, “unha titulación de vital importancia para o centro universitario e con moitas repercusións positivas para a contorna social e a propia cidade de Lugo”, dixo.
A próxima implantación do título de máster en Enxeñaría de Procesado de Alimentos, así como do título de grao en Bioquímica, que comezará a impartirse no curso 2020-21, son outras das prioridades de traballo do novo equipo de goberno da Facultade de Ciencias, indicou Fraga. O novo decano tamén solicitou apoio económico ao goberno da USC para acondicionar como espazos para usos docentes as dependencias das plantas segunda e terceira do centro, unhas instalacións nas que antes estaban emprazados os laboratorios de docencia e investigación, actualmente inhabilitados. Asemade a dotación de equipamentos para os laboratorios de tecnoloxías de procesado de alimentos e planta piloto produtos cárnicos tamén figura entre os obxectivos a curto e medio prazo, dixo.
O reitor Antonio López reiterou o total apoio do goberno da USC ao decano electo da Facultade de Ciencias e ao seu equipo, ao tempo que expresou a vontade e o compromiso de escoitar e atender na medida do posible todas aquelas demandas que contribúan á mellora da Facultade de Ciencias do campus de Lugo.
O acto protocolario de toma de posesión do profesor Francisco Fraga López como decano da Facultade de Ciencias da USC congregou no centro universitario lugués un nutrido grupo de profesorado do campus de Lugo, entre o que se atopa o director da EPS de Enxeñaría, Tomás Cuesta, e a decana da Facultade de ADE, Begoña Barreiro, e o decano da Facultade de Ciencias da Comunicación, Xosé Ramón Pousa. A vicerreitora de Organización Académica, Celia Besteiro, e os adxuntos á vicerreitora de Coordinación do campus de Lugo para Investigación, Transferencia e Innovación, Elvira López Mosquera, e para Estudantes, Internacionalización, Cultura e Servizos, Jesús Varela Zapata, tamén estiveron presentes nunha sesión que congregou a moito alumnado.
Docentes e alumnos presentes no acto protocolario de toma de posesión do decano de da Facultade de Ciencias